Riazor recibe o Atlético de Madrid coa esperanza de seguir avanzando na Copa do Rei

Os xogadores do Deportivo celebrando o gol de Noé Carrillo ante o Mallorca, o pasado 16 de decembro. (Foto: RC Deportivo)
O Atlético do Cholo Simeone visita A Coruña para tratar de imporse ao Deportivo de Antonio Hidalgo, un dos cinco equipos de Segunda División que seguen vivos na Copa do Rei e que xa eliminou ao Mallorca na rolda previa. Oito anos despois da última vez, os madrileños volverán pisar o verde de Riazor.

Na noite desta terza feira ás 21 horas en Riazor o Deportivo recibirá outro equipo de Primeira División nos oitavos de final da Copa do Rei. Nesta ocasión o Atlético de Madrid, un equipo de Champions con algúns dos mellores xogadores do fútbol europeo, será quen visite A Coruña para medirse ante un Deportivo cheo de ilusión por volver dar a sorpresa.

O gol do canteirán Noé Carrillo ante o Mallorca asegurou case totalmente a presenza dun dos conxuntos que disputaron a Supercopa de España en Riazor para a seguinte fase. O sorteo ditou sentenza e o Atlético de Madrid do Cholo Simeone, que xa sabe o que é enfrontarse ao Dépor, foi o elixido. A eliminatoria mantén o seu formato de partido único onde todo pode pasar fronte a un estadio de Riazor que estará cheo até a bandeira.

Este pasado sábado ante As Palmas o Dépor sumou o seu quinto partido consecutivo de Liga onde non consegue levar os tres puntos (1-1). Nunha tempada irregular onde foron quen do mellor e do peor, os de Antonio Hidalgo están a atravesar unha etapa sensíbel en canto a resultados, propiciada en parte pola exixencia dun calendario duro nas últimas datas. Tanto os dous últimos encontros do Dépor (Cádiz e As Palmas) como os seus dous seguintes (Almería e Racing de Santander) son ante equipos do top-6 da categoría. No medio desta costa de xaneiro aparece un Atlético de Madrid que vén de xogar a Supercopa en Arabia e quererá pescar en río revolto.

“Vivir ese partido ten que ser unha motivación extra, hai que desfrutalo”, afirmou Antonio Hidalgo na previa do partido ante As Palmas. O certo é que tanto Riazor como os xogadores do Dépor teñen fame de poder volver dar a sorpresa e exercer como mataxigantes na Copa, máis aínda se é ante un rival da categoría do Atlético de Madrid. No feudo coruñés confíase no talento ofensivo dos Yeremay, Mella e compañía para poder danar aos madrileños mediante o contraataque. Será unha cita interesante para pór a proba o verdadeiro nivel dos atacantes do Dépor, especialmente o dun Yeremay que con 23 anos este curso está a saírse na Segunda División. O extremo canario suma sete goles e nove asistencias a día de hoxe e parece non ter teito, como mínimo, nesta categoría.

Aliñacións probábeis. (Foto: Nós Diario)

De cara á posíbel aliñación do Dépor podemos agardar poucas rotacións no céspede de Riazor. Unha das principais dúbidas estará na portaría;  Álvaro Ferllo ocupou o posto de Germán Parreño en Liga nada máis oficializarse a súa fichaxe polo club herculino, polo que quizais Antonio Hidalgo poida ter un detalle co seu meta máis veterano e agasallalo coa oportunidade de xogar ante o Atlético de Madrid. Outra das fichaxes do Dépor que veu para asentarse directamente foi a de Adrià Altimira. O lateral dereito procedente do Vilarreal entrou no once na súa primeira convocatoria e tivo éxito en varias ocasións, o que lle valeu o aplauso da bancada e xogar outros 90 minutos ante As Palmas. De cara ao feche do mercado varias informacións apuntan a que o Deportivo está tratando de acelerar a fichaxe de Riki, centrocampista que milita actualmente no Albacete, cuxo actual equipo non lle permite saír até finalizar o seu contrato ao termo da presente tempada.

Inicio irregular do Atlético

No lado visitante, o Atlético de Madrid aterra na Coruña –coa baixa de Koke, que se suma ás de Lenglet e Nico González– tras caer eliminado da Supercopa na semifinal ante o Real Madrid cun resultado de 1-2. Para chegar até aquí eliminou previamente o Atlético Baleares cun resultado de 2-3 para nada cómodo. Julián Álvarez, Griezmann ou Oblak son algúns dos xogadores contrastados de talla mundial que poderán vestir de curto en Riazor e que buscarán disipar as dúbidas con respecto á fiabilidade do equipo en canto a resultados.

Tras un mal inicio de tempada o Atlético de Madrid marcha cuarto na Liga a tres puntos dun Vilarreal que ten un partido menos. Na Champions goza dunha posición cómoda entre os oito primeiros con 12 puntos a falta de visitar o Galatasaray e de recibir o Bodo Glimt, dous encontros nos que parte como favorito. Á hora de enfrontarse ao Dépor, o Cholo Simeone puxo o foco nos contraataques como unha das principais bazas dos coruñeses ás cales deberán atender. Quixo resaltar que viaxan a un campo “moi bonito” onde xa caeu o Mallorca, o que lles serve como aviso para non baixar a garda.

Dos últimos cinco encontros entre Atlético e Dépor todos remataron con vitoria para os madrileños salvo un, o 1-1 en Riazor na tempada 2017-18 con goles de Florin Andone e Antoine Griezmann. Aquela foi a última tempada do Dépor na Primeira División e Pepe Mel dirixía o equipo naquel encontro. Oito anos despois o Deportivo vólvese ver as caras co Atlético de Madrid, desta vez na Copa do Rei, coa ilusión posta en poder dar a sorpresa e avanzar a cuartos de final tombando a terceira potencia futbolística do Estado español. O Dépor adestrará por última vez esta segunda feira nunha sesión previa ao encontro, que se poderá ver en directo por Movistar+.

Un estadio cheo para un partido declarado "de alto risco"

O Deportivo aproveitou o encontro ante o Atlético para probar un novo sistema de confirmación de asistencia cos seus abonados e abonadas, o cal lle permite ter unha cifra aproximada dos socios que acudirán ao campo antes de cada partido. Esta nova medida resulta común entre os clubs de primeiro nivel, interesados en optimizar ao máximo o rendemento económico do seu aforo ademais de controlar o uso dos seus asentos. Grazas á nova ferramenta estímase que máis de 25.000 persoas socias estarán presentes esta noite en Riazor para animar o seu equipo, que mostrará unha das súas mellores galas para recibir un rival de altura.

Porén, a medida suscitou tamén críticas da afección branquiazul nas redes sociais ao ser obrigada a confirmación da asistencia desde antes mesmo de se coñecer a data e hora concretas do partido, que estiveron pendentes do papel do Atlético na Supercopa en Arabia.

Nos días previos a Comisión Estatal contra a Violencia no Deporte catalogou tanto este, como o encontro do domingo 25 de xaneiro ante o Racing de Santander en Riazor como partidos de alto risco. Dita clasificación afectará nun aumento da seguridade e do control nos accesos e nas proximidades do estadio.