Rodrigo Conde

“O remo en banco móbil exixe a perfección”

Rodrigo Conce en primeiro plano. Imaxe Igor Meijer (Federación Española de Remo)

O remeiro moañés conquistou en Rotterdam, canda Adriá Mitjavila, o Mundial sub-23 en doble scull lixeiro. Un premio a anos de traballo, sacrificios e esforzos que, ao final “vense recompensados”.

O 27 de agosto Galiza conquistou un Mundial no exixente e competitivo mundo do remo en banco móbil. Foi en Rotterdam e grazas a Rodrigo Conde, un mozo de Moaña que comezou no remo aos 8 anos no batel de Tirán. Conde e o seu compañeiro, o catalán Adriá Mitjavila, gañaban o ouro en doble scull lixeiro.

Lograr un Mundial debe ser unha experiencia única. Mais, que camiño hai que percorrer até chegar ata aí?

É un camiño moi exixente e moi difícil, desde logo. Hai que sacrificar moito. Se pensas adicarte ao banco móbil e queres ser mundialista ou olímpico tes que asumir que vas ter que quitar tempo da familia, das amizades... non é facil mais ao final veste recompensado.

Pensabades que tiñades posibilidades de vencer?

Sabiamos, por probas anteriores, que estabamos perto do mellor, da elite do banco móbil e tiñamos claro que iamos dalo todo e competir ben. Mais non fomos ao Mundial sub-23 pensando en que iamos levar o ouro.

“Ás veces penso se non seremos uns poucos masocas”

Conquistar o mundial axuda a se consolar de non se clasificar para as Olimpiadas de Río?

Son cousas distintas. Cando empezamos este proxecto, Adriá e eu comezamos a remar xuntos en febreiro, o obxectivo era o Mundial Sub-23. Mais polo camiño atá aí había varias competicións, como o memorial Paolo D`Aloja en Italia, a copa do Mundo ou a repesca para as Olimpiadas. Mais todo isto era, por dicilo así, un preparatorio para o Mundial Sub-23. Na Copa de Mundo fomos quintos e aí vimos que podía ser posíbel. Na repesca as primeiras regatas foron ben mais na final impúxose a experiencia doutros equipos, nós eramos os máis xovenes. E neste tipo de competicións a experiencia conta.

Como é o día a día para quen practica este deporte ao teu nivel?

Cada persoa ten o seu propio horario persoal. Adestramos dúas veces ao día agás o domingo, que só o facemos pola mañá. Como mínimo son catro horas ao día, e como máximo, 7, se ben sete horas facémolas moi poucas veces, é algo excesivo. Pola mañá centrámonos no remo e pola tarde en traballar no ximnasio. Ás veces penso se non somos un pouco masocas (rí).

Un adestrador veume cando remaba en banco fixo e díxome: “Ti, rapaz, tes que vir para o banco móbil porque nuns anos podes ser campión do mundo. Eu rinme.”

Nas Olimpiadas de Río varios deportistas fixeron chamamentos a que se tivese en conta os seus respectivos deportes mais alá do día en que conquerían un título, denunciando a falta de recoñecemento. Pensas que isto pasa co banco móbil , que non se lle valora como merece?

Anos atrás, as medallas que o remo español gañou nos xogos olímpicos reducíanse a unha. Así que non había moito recoñecemento. Mais David Cal logrou 5 medallas e recoñecéuselle, todo o mundo sabe quen é. No futuro, se somos quen de competir a máis e lograr máis medallas, este deporte terá máis recoñecemento.

Es de Moaña, unha zona con tradición remeira, mais é o banco móbil coñecido?

Nesta zona é máis coñecido o banco fixo, as traiñeiras. Mais en Galiza temos o mellor adestrador de banco móbil do Estado, segundo a miña opinión, claro, que é Arturo Abruñedo. Estivo toda a vida no Náutico de Vigo. Foi o que me levou a min do banco fixo ao banco móvil. Eu empecei a remar con 8 anos no batel de Moaña. Un día fomos a Vigo a practicar o banco móbil. Veume e díxome: “Ti, rapaz, tes que vir para o banco móbil porque nuns anos podes ser campión do mundo. Eu rinme. E mira agora”.

O banco móbil exixe a perfección: fortaleza, flexibilidade, resistencia... hai que dar o máximo en todas esas condicións. Isto require unhas condicións físicas e un adestramento duro.

Cun Mundial no peto, cales son os plans de futuro?

Agora estou rematando unhas pequenas vacacións e axiña hai que comezar a preparase porque o ano que vén vai ser longo: temos o mundial basoluto en outubro e o mundial Sub-23 en xullo. O obxectivo vai ser repetir vitoria no Sub-23 e ir a polo Absoluto, intentar meterse aí e ir a por todas.