O Rally San Froilán decidirá entre Senra e Meira o campión galego

Alberto Meira co seu vehículo na proba do ano pasado. (Foto: FGA)
A proba estreará esta edición un tramo en Samos.

Chegou a hora da verdade no Campionato galego de rallys. Após pasar esta tempada polas probas de Lalín (O Deza), A Coruña, Noia, A Mariña, Pontevedra, sur do Condado e a Comarca do Carballiño, a competición máis importante do calendario galego no mundo do motor chega ao seu fin nun escenario moi especial os días 17, 18 e 19 de outubro: o Rally de San Froilán.  

A cita luguesa organizada pola Escudaría Miño, unha das míticas da tempada, cumprirá esta edición os seus 47 anos oficiando un encontro que xa forma parte da propia festa grande da cidade por ter lugar nela a súa saída. E este ano chega cunha inesperada igualdade no máis alto da táboa entre os dous pilotos máis en forma do panorama galego: Víctor Senra, gañador da anterior edición, e Alberto Meira, o máximo aspirante esta. 

Senra (Hyundai i20 Coupé WRC), xunto co seu copiloto José Murado, contan cunha pequena desvantaxe fronte a Meira (Skoda Fabia R5) e o seu copiloto, Unai Conde. Xunto a eles competirán, ademais, outros 141 equipos que formalizaron a súa participación antes do seu feche o pasado 6 de outubro na páxina web da organización.

Percorrido e horarios

A Escudaría Miño recuperou para o Rally San Froilán deste ano a avenida de Ramón Ferreiro, no centro, para que se poida albergar o parque fechado de vehículos. A cerimonia de saída decorrerá esta sexta feira desde as 19.30 horas na praza de Horta do Seminario.

O percorrido deseñado este ano conta con catro tramos distintos que teñen que realizar a dobre pasada até completar unha distancia de 93,04 quilómetros cronometrados dos 448,33 quilómetros totais. 

A competición iniciará a súa andaina o sábado a partir das 7.30 horas para dirixirse ás especiais de Outeiro de Rei (11,400 m) e O Corgo (12,500 km). Pola tarde, a competición trasladarase á comarca de Sarria cos tramos do Paramo-Goián (11,220 km) e a gran novidade deste edición que consiste nunha especial no municipio de Samos (11,400 km) na comarca de Sarria, ambas as dúas a dobre pasada. 

Desta maneira, Samos converterase por primeira vez en escenario dun dos treitos do Rally San Froilán. O itinerario,  marcado pola súa exixencia técnica, partirá da estrada de Estraxiz e finalizará nas inmediacións do Mosteiro, con dúas pasadas programadas ás 18.45 e ás 22.25 horas.

Máis inscricións

Alén da presenza de Senra e Meira no Rally de San Froilán, esta edición ten outros nomes importantes do motor galego que se inscribiron dentro do prazo oficial que rematou o 6 de outubro. Salientan os de Jaime Castro e Víctor Manuel Fernández (Skoda Fabia R5), César González e Miguel Peña (Skoda Fabia R5), ou Luis Vilariño e David Míguez (Skoda Fabia  R5 Evo). Ademais estarán Alberto Otero e Jordan Vázquez sumaranse á loita (ord Festa Rally 2) e  Javier Pérez e Javier Martínez (Toyota Yaris Rally2). Por último, destacan Antonio Pérez Orozco e Néstor Casal (Skoda Fabia WRC), xunto a Eduard Viñolas e Isaac Borrell (SEAT Córdoba WRC). 

A clasificación por escudarías  do Campionato galego de rallys, pola súa parte, está dominada até esta última proba polo Pontevedra 1984 Team (313 puntos) seguida a distancia por JRT MotorSport (151 puntos) e Yacar Racing (113 puntos).