O Rally da Coruña abrirá en febreiro de 2026 o Tour Europeo

Edgar Vigo e Fátima Ameneiro na edición de 2021 que gañaron do Tour European Rally. (Foto: Nós Diario)
A proba herculina abandona a competición galega para centrarse na continental.

A organización do Rally da Coruña, OneSeven Racing, anunciou esta terza feira que en 2026 non formará parte do Campionato Xunta da Galiza de Rallys e pasará a ser unhas das citas que puntuarán no Tour European Rally (TER) e no tamén Tour European Rally Historic. Este campionato, pola súa categoría,  estaría situado despois do Campionato Europeo (ERC).

"Despois de dez anos formando parte do Campionato Galego de Rallys, cremos que chegou o momento de asumir novos retos como organización de cara á 30ª edición e vindeiras", explicou o seu presidente, Álvaro Muñiz, a través dun comunicado que emitiu de maneira conxunta coa Federación Galega de Automobilismo (FGA). "Por iso, decidimos dar un paso adiante e tentar integrarnos nun certame de ámbito internacional como é o TER, seguindo o camiño que no seu día iniciaron os precursores da nosa proba", agregou.

A decisión contou co apoio da propia FGA. O seu presidente, Antonio Troitiño, desexoulle ao Rally da Coruña "a maior das sortes nesta nova aventura internacional que afrontan con tanta ilusión". Ademais, o responsábel federativo asegurou que o trofeo galego deixa “as portas abertas para que retornen cando sexa posíbel". 

2026 comezará na Coruña

O TER chega a esta edición após un historial dunha década na que estiveron no alto do podio os equipos italianos de Giandomenico Basso (campión de Europa) e Simone Tempestini (campión do mundo Junior e no Wrc3), así como o do neozelandés Hayden Paddon (bicampión de Europa e do Pacífico). 

O calendario deste 2026 aínda non ten nin datas nin lugares confirmados coa excepción da proba inicial, que será na Coruña do 26 ao 28 de febreiro. Na edición de 2025, que rematará esta mesma fin de semana nas Açores (Portugal), pasou tamén por Poreč (Croacia), Chablais (Suiza), Cēsis (Letonia), Granada (Andalucía) e Sardeña.

Édgar Vigo e Fátima Ameneiro

Desde a súa creación en 2016, dous nomes galegos salientaron no palmarés do TER: Édgar Vigo e Fátima Ameneiro. Piloto e copiloto gañaron as edicións de 2020 e 2021 a bordo dun Peugeot 208 Rally4. "É unha competición que ten moita repercusión a nivel mundial por retransmitirse a través de varias canles de televisión", explica Ameneiro a Nós Diario polo que cre que é "toda unha plataforma para os pilotos".

O TER é "todo un espectáculo" que vai máis alá do mundo do motor "e entra na promoción dos lugares onde se realiza", indica a copiloto de Fene (Ferrolterra). Ameneiro tamén valora a entrada da Coruña nesta competición. "É todo un orgullo", conclúe.

Tramo urbano

O responsábel de comunicación de OneSeven Racing, Ignacio Carballeira, sinalou a Nós Diario que este cambio "é asumíbel economicamente e incorpora a posibilidade de que compitan tamén os clásicos". Polo de agora confirma que a galega se sumará a unha cita en Suíza e outra en Italia.

"Ampliaremos os tramos que tiñamos no Galego, chegando a dez, e recuperar un que sexa urbano", indicou. A inscrición para a cita herculina estará limitada a un total de 90 coches e, segundo Carballeira, xa mostraron o seu interese en participar pilotos como Víctor Senra, Iván Ares, Luís Vilariño e Santi García. "Hai moita xente na Coruña que lle ten ganas a este rally", considerou.