O Rácing de Ferrol fecha as fichaxes de Sabin Merino e Álvaro Giménez
25 de xullo de novidades no único representante da Galiza na Segunda División.
O Rácing de Ferrol non oficializou unha, senón dúas incorporacións na xornada de onte: Sabin Merino e Álvaro Giménez.
O primeiro é un vello coñecido da afección galega, pois militara no Real Club Deportivo da Coruña na tempada 2019/20, na que o conxunto herculino descendeu a Segunda B.
Atacante de gran envergadura (1,87 metros de altura), chega á cidade departamental en calidade de cedido desde o Real Zaragoza, aínda que a súa última experiencia foi no Atlético de San Luís dunha das competicións de moda, a mexicana, onde anotou dous goles en 23 partidos.
Anteriormente militou en Leganés -11 tantos en 65 encontros-, a antedita breve etapa en Riazor -cinco goles en 18 xogos- e seis anos no seu club de formación, o Athletic de Bilbao.
A súa segunda incorporación da xornada foi outro dianteiro, Álvaro Giménez, quen, a diferenza de Merino, arriba en Ferrol en propiedade.
Xogador de vasta experiencia, durante a última campaña non contou coa confianza de Sergio González no Cádiz de Primeira División, disputando tan só 16 minutos en toda a Liga. Non obstante, e a pesar da súa veteranía (32 anos), o de Elxe aspira a retornar ás súas cifras anotadoras de hai catro tempadas, cando foi o máximo goleador da Segunda División.
Reforzo para a medular de Imanol Idiakez
Outro xogador experimentado é a última fichaxe do Dépor, José Ángel. Aos seus 31 anos, este futbolista de segunda xeración -o seu pai é un histórico do fútbol andaluz, Federico Jurado- é todo un trotamundos, chegando a xogar mesmo nas ligas de Moldavia, Noruega e os Emiratos Árabes Unidos, así como na Segunda e a Segunda B españolas.