Tenis

De la Puente, ás semifinais dos Europeos Paralímpicos

Martín de la Puente, tenista en cadeira de rodas. (Foto: CPE)
Aliás, Jéssica Bouzas Maneiro, obtivo dous importantes triunfos, neste caso no  Torneo Internacional W100 Maspalomas Gran Canaria.

Outro éxito para o galego Martín de la Puente nos Europeans Para Championship que se están disputando actualmente na localidade neerlandesa de Rotterdam e que se estenderán até o 20 de agosto.

Alí, o tenista en cadeira de rodas volveu demostrar o seu gran estado de forma vencendo onte nos cuartos de final o británico Dahnon Ward en dous sets por un resultado de 6-2 e 6-3, no que foi o seu segundo partido en tan só dous días, pois tan só 24 horas antes esmagara nos oitavos de final por un duplo 6-1 o eslovaco Marek Gergely nas instalacións do Victoria Tennishal.

E, sen deixar o tenis, a outra gran sensación do momento, Jéssica Bouzas Maneiro, obtivo dous importantes triunfos, neste caso no  Torneo Internacional W100 Maspalomas Gran Canaria. Na competición insular, logo de superar Yvonne Cavalle-Reimers na primeira rolda, onte fixo o propio coa  italiana Giorgia Pedone, a quen  gañou por 6-3 e 6-1.

III Internacional Feminino Cidade de Ourense

Do 13 ao 20 de agosto, o Club Santo Domingo acollerá a terceira edición do ITF W25 Cidade de Ourense, unha competición organizada pola Federación Galega de Tenis (FGT) e que será presentada oficialmente ás 11 horas da mañá de hoxe no Salón de Plenos do Concello ourensán.

Este torneo forma parte do circuíto ITF Women's World Tennis Tour, e distribúe 25.000 dólares en premios. A proba conta cunha historia avalada pola presenza na Cidade das Burgas de até dez xogadoras que tomaron parte na pasada edición de Wimbledon, un dos catro Grand Slams do circuíto: Jéssica Bouzas, Arantxa Rus, Jaimee Fourlis, Olivia Gadecki, Laura Pigossi, Alicia Barnett, Kristina Dmitruk, Marina Bassols, Anna Brogan e Julia Riera.

Neste 2023 o cadro do ITF W25 ourensán contará con xogadoras do nivel de Liv Hovde -campioa de Wimbledon Junior 2022-, Georgina García -que representou o Estado español na prestixiosa Billie Jean King Cup, a antiga Copa Federación-, ou as tenistas números '1' de Portugal, Bosnia, Israel e Suráfrica.

Ademais, a Federación Galega de Tenis tamén fixo públicas as datas nas que se desenvolverá o LXXXII Campionato Cidade de Vigo, que neste 2023 abranguerá do 18 ao 27 de agosto.