A psicoloxía deportiva traballa en pandemia

Control de temperatura na xuntanza arbitral da Federación Galega de Balonmán en Redondela. (Federación Galega de Balonmán)
A cita latina que asegura que a mente está sana nun corpo sano sempre serviu para promocionar a práctica deportiva. Coa chegada da pandemia da Covid-19 e as restriccións aumenta en importancia a figura da psicóloga ou psicólogo que leva tempo incorporada aos corpos técnicos dos clubs galegos. 

A chegada da pandemia da Covid-19 ao deporte galego está a evidenciar a importancia do traballo das e dos profesionais da saúde nos clubs das diferentes disciplinas. Todos estes anos o protagonismo sempre foi para as xogadoras e os corpos técnicos e as súas estratexias para obter o mellor resultado ao remate de cada xornada. Agora, coa emerxencia sanitaria presente, pasan a primeira liña aspectos como o dos protocolos e as normas básicas que eviten males maiores en adestramentos e competicións.

Entre as profesións que tamén traballan no deporte e é algo menos coñecida está a das psicólogas e psicólogos que estes meses tiveron que empregarse a fondo para adaptarse a unha situación inédita.

Do confinamento ao inicio das competicións

Iván Pico, psicólogo deportivo, leva toda a vida vinculado ao mundo do fútbol sala como xogador, adestrador e xestor deportivo. Na actualidade é adxunto á dirección deportiva da Federación  Galega de Fútbol e responsábel do fútbol sala en Lugo. A través da súa páxina web psicopico.com achega a psicoloxía a todos os públicos. "O noso é un traballo moi persoal e necesitamos ver como se comporta o deportista", explica a Nós Diario, "cando nos eliminaron as competicións e os adestramentos centrámonos en manter unha mentalidade motivada, que non se xeren ansiedades tóxicas", relata.

Recoñece que moitas persoas que practican deporte na Galiza están acostumadas a empregalo como unha maneira de aliviar outro tipo de tensións que teñen na súa vida diaria. As ferramentas que se empregaron eran videoconferencias ou sesións de teletraballo, case todo a través das novas tecnoloxías para buscar "que non caesen na apatía e mesmo seguisen adestrando se podían no seu domicilio". 

Co remate do estado de alarma viñeron os protocolos e o medo ao contaxio en deportes de contacto. No deporte de base aínda non hai unha seguridade por parte das familias que, en moitos casos non se deciden a reincorporar ás rapazas e rapaces aos seus clubs. 

"Unha  das maiores consecuencias a nivel mental da pandemia é a incerteza de non saber se che vai tocar a ti ou a un familiar", comenta Pico que adoita dicir cando fala estes días con deportistas que "nós non sabemos onde pode estar o virus mais si somos conscientes do que facemos nós". 

Protocolos e máscaras

A polémica actual vén da man dos numerosos protocolos que se aprobaron coa intención de evitar os contaxios no deporte federado. Pico cre que "a prevención é a que nos vai dar maior seguridade" e está seguro de que as normas que se aproban  buscan en todo momento "a confianza nos adestramentos e as competicións" malia que conten con elementos "como a máscara que pode chegar a ser incómoda nalgúns deportes". Admite que "é unha situación complicada mais os deportes que poidan ter a posibilidade de continuar deberían facelo, é esencial para o benestar social das persoas se non tamén repercutirá na súa saúde física e mental".

A importancia da psicoloxía deportiva na observación do comportamento 

A figura da psicóloga ou psicólogo no corpo técnico dos clubs deportivos está cada vez máis asentada. O seu traballo está moi vinculado, segundo explica Iván Pico, con "observar eses comportamentos que poden ser intrusivos dentro de cada xogadora ou xogador co obxectivo de mellorar o rendemento". É unha situación coñecida sobre todo cando falamos de equipos máis sénior ou de elite que, como explica Pico, "necesitan engadir unha axuda a nivel de comportamento".

Segundo este profesional, acontece que "sempre se vixía máis a parte técnica e esquécese que o estado mental influirá no seu rendemento". É algo a ter en conta, sobre todo, nas categorías máis inferiores. "Hai que estar máis pendente do desenvolvemento da nena ou neno nas súas etapas formativas, darlles unhas pautas para guialos", explica.