O Pescados Rubén Burela é nomeado mellor equipo de fútbol sala do mundo

O Pescados Rubén certifica un ano máxico con este galardón. (Foto: Burela FS).

O fútbol sala galego está de noraboa, pois o Pescados Rubén Burela vén de ser distinguido como o Mellor Equipo Feminino do Mundo nos premios Futsalplanet Awards 2020. Ademais, o técnico do conxunto laranxa, Julio Delgado, foi segundo na categoría de Mellor Adestrador, mesmo posto que ocupou Peke na de Mellor Xogadora.

Patricia González Mota, máis coñecida como 'Peke', xa fora cuarta no ano 2019 e terceira en 2016, sempre defendendo o escudo do Pescados Rubén Burela, onde chegou na tempada 2011/12 procedente do FSF Rioja Diamante.

Durante todo este tempo a ala levantou tres ligas, outras tantas Copas Xunta da Galiza, Supercopas de España e Copas da Raíña, así como unha Eurocopa de nacións.

Pola súa banda, Julio Delgado é un home da casa que no pasado xa dirixiu o primeiro equipo masculino do Pescados Rubén.

Como responsábel das mulleres, Delgado logrou gañar os últimos seis títulos aos que aspiraban, "a grande e maior recompensa de todo técnico", como el mesmo recoñece.

Porén, o Burela non acaparou todos os recoñecementos con selo galego nos Premios Futsalplanet, pois a futbolista do Alcorcón, Vane Sotelo, foi recoñecida como cuarta mellor xogadora do mundo e a gardameta Caridad García, do Poio Pescamar,  como cuarta mellor porteira, e con só 21 anos de idade.

Curiosamente, hai tan só uns meses a súa compañeira no conxunto pontevedrés Silvia Aguete recibía con moito atraso a causa da pandemia o seu trofeo como Mellor Porteira do Mundo durante o ano 2019, que non puido aspirar a revalidar neste último ano a causa das lesións.

No caso de Vane Sotelo, este tipo de recoñecementos non son novos para ela, pois xa foi sétima nos Awards en 2014, así como a Mellor Xogadora do pasado Campionato de Europa de seleccións, o que non impide que considere que "os premios individuais nos deportes de equipo non teñen sentido sen as compañeiras que tes o lado", polo que ten claro que "isto pertence a todas e cada unha de nós".