Pepe Mel, novo treinador do Dépor: "Para xogar ao futebol ben, tes que ter alegría"

Pepe Mel e Tino Fernández

Asina polo que fica de temporada e tamén pola próxima, sempre e cando consiga evitar o descenso. Pepe Mel (Madrid, 1963) está certo de que o Dépor ten recursos futbolísticos máis que suficientes para manter a categoría. "Ao Dépor nunca lle podes dicer que non se te chama para treinalo", dixo. 

Mel compareceu en Abegondo para, en conferencia de imprensa, ser apresentado polo presidente do Deportivo, Tino Fernández. O seu discurso foi basicamente o de que o Dépor ten magníficos futbolistas e un único problema, que eses magníficos futbolistas non acaban de crer en si propios. O treinador madrileño deixou entrever que acompañou con moita atención a evolución da equipa durante toda a temporada e que coñecía ben as súas características, as súas potencialidades e tamén os seus déficits (basicamente a falta de autoestima).

Con excepción do partido de Butarque (aí os futbolistas "baixaron algo os brazos, o que nunca se debe facer"), Mel sempre viu a equipa metida no xogo. "O Dépor estivo nos partidos sempre. Quizá en Leganés, non. En Leganés, non, porque no fútebol chegan momentos en que un baixa os brazos. Mais o Deportivo no resto dos partidos sempre estivo metido dentro", dixo. 

Cal é a chave de Mel para recuperar a equipa? Formulouna así o ex treinador do Betis -é despois de Serra Ferrer o técnico que máis partidos dirixiu en toda a historia do clube verdibranco, un total de 202-: "Para xogar ao futebol ben, tes que ter alegría. O público percíbeo desde as bancadas. Pensa que isto é un espectáculo. É como o teatro ou o cine: o público agarda ver aquilo polo que pagou o billete. Son os futbolistas os que teñen que conectar coa xente. Eu véxoo así. Son os xogadores os que teñen que conectar co público de Riazor para que eles lles devolvan con aplausos ou con alento o que fixeron no campo".

Sobre a hipótese de o Dépor perder neste tramo da temporada o concurso de Juanfran -por quen se tería interesado o Barcelona-, Mel botou balóns fóra. Dixo non ter tido tempo aínda para se interesar por esa cuestión. "Apañei onte o coche en Sevilla ás 5 da tarde para vir para aquí. Non tiven tempo de falar de todo", afirmou. Tino Fernández dixo non ter sido contactado polo clube catalán e, aínda que de forma pouco tallante, máis ben deu por sentado que o lateral direito non deixará a equipa (o Deportivo non ten a menor intención de negociar a saída do futeboliista, mais o Barcelona podería fichalo pagando a súa cláusula de rescisión, 8 millóns de euros, sen que o clube galego puidese facer nada para o impedir).