Pelé, o rei do fútbol na Galiza

Edson Arantes do Nascimento (centro), con Garrincha, Jair, Milton Santos, Zagallo, Pepe e Didí sobre o céspede de Riazor.
Na gris A Coruña de 1959 a visita de Edson Arantes do Nascimiento botou un raio de luz brasileira sobre as vidas dunha poboación que tiña no fútbol unha vía de escape.

O de Pelé é un deses nomes que non necesita ir acompañado dunha presentación. Considerado -con permiso de Maradona- o mellor xogador de fútbol de todos os tempos, na súa ampla carreira gañou tres copas do mundo e anotou 1.281 tantos en 1.363 partidos, unha marca estratosférica á que ninguén conseguiu acercarse nin remotamente.

Antes de lograr a maioría dos recoñecementos que adornan o seu palmarés, mais co Mundial de Suecia xa no peto, un Pelé de 19 anos chegou á cidade da Coruña para disputar o Trofeo Teresa Herrera de 1959.

Gañou o seu Santos por 4-1 ao Botafogo de Garrincha, el marcou un gol e deixou unha pegada indelébel entre todas as persoas que tiveron a sorte de asistir ao encontro, até o punto de que o lendario crítico deportivo coruñés José Luís Bugallal, Marathón, -que nunca antes se desfixera en eloxios cara a un futbolista e nunca máis volvería facelo- escribiu: "Pelé é un xenio fenomenal, fóra de serie, un novo mago do fútbol que domina a pelota, xoguetea con ela, aloumíñaa, dispara ao seu antollo...".

O impacto mutuo entre Pelé e a cidade da Coruña

A devoción de Galiza por Pelé foi alén do seu fútbol. O brasileiro caeu en graza polo seu humilde comportamento dentro e fóra do campo e polo seu eterno sorriso.

Lamentabelmente, esta foi a derradeira vez que a afección galega tivo a sorte de ver sobre un terreo de xogo do país o Rei do fútbol, aínda que o impacto que creou a nosa terra en Pelé tamén foi mutuo, pois 25 anos despois da súa estancia lembraba con nostalxia nun artigo de prensa os catro días que pasou entre nós a mediados do mes de xuño de 1959.

"Gardo unha xuvenil e moi grata lembranza da cidade da Coruña, que está preto de Compostela. Aloxámonos nun hotel chamado Fisterra, e durante o partido houbo néboa e unha notábel calor. No estadio disque había 38.000 persoas, malia que a min parecéronme moitísimas máis, pois estaban subidas aos sitios máis raros e non cabía un alfinete nas bancadas", rememoraba o 10.

Pero o máis interesante do relato de Pelé do seu periplo galego foi a reconstrución do seu percorrido pola Coruña, visitando "un faro enorme e vello"  -en clara referencia á Torre de Hércules; "un pequeno xardín moi misterioso no que había unha tumba" -o Xardín de San Carlos-; ou as ganas coa que quedou de mercar xeados "nunha casa xeadeira ao lado da baía -a Italiana, que aínda existe a día de hoxe-, pero o míster non nos deixou".

O brasileiro concluía a súa misiva prometendo que "algún día" volvería á Galiza, unha terra que máis de 60 anos despois continúa agardando por el e que, sen dúbida, lle proporcionaría un recibimento digno do Rei.

*Artigo publicado no suplemento Xogar do 18 de xuño de 2020.