Parralo non está preocupado pola viaxe a Ceuta e cre nun Ferrol "ilusionado"

Cristóbal Parralo na rolda de prensa na Malata, en Ferrol (Foto: Racing Ferrol).
O Racing de Ferrol trasládase este domingo para xogar contra o Ceuta, no que será a maior viaxe desta tempada. O seu adestrador confía en que o equipo responda para seguir de líderes da Primeira RFEF.   

O Ferrol segue degustando o seu doce momento como líder da Primeira RFEF con 19 puntos, aínda que igualado co Linares ao que supera por ter un gol en contra menos. Esta fin de semana terá a saída máis distante do campionato para xogar co Ceuta (domingo, 12 horas), un equipo que con tres puntos non é que de saír da zona de descenso.

O técnico ferrolán, Cristóbal Parralo, non lle deu importancia onte á situación. “Sabiamos de antemán que había esta viaxe e estamos mentalizados polo que o que hai que facer é pensar no xogo, o demais é secundario”, sinalou en rolda de prensa.

Diante dun rival, en principio, menor, o adestrador quere seguir cos pés na terra e lembrou que “levamos sete xornadas e é moi cedo aínda”. Puxo como exemplo o partido anterior diante do Talavera, “sen esquecer que xogan no seu estadio cun un equipo que non perdeu é sempre unha motivación”.

Como estratexia, Parralo propuxo “igualar esa ilusión para, despois, tentar igualalo no xogo”. Indicou que son “conscientes de que non hai ningún partido fácil e da dificultade que entraña este desprazamento”. 

Porén, o equipo do Ferrol non se motiva polo rival de cada semana, “ilusionámonos por querer estar arriba, por ser exixentes con nós mesmos para poder facer ben as cousas. 

En relación aos xogadores cos que contará o adestrador ferrolán, Parralo comunicou que será baixa Quique Fornos, aínda que xa está a traballar co resto dos seus compañeiros. “Agardemos que todo vaia ben e poida superar pouco a pouco as molestias que ten”, transmitiu.  

O peor desprazamento

O Ferrol sairá hoxe pola mañá desde as instalacións da Malata e terá que trasladarse ao aeroporto de Santiago, onde tomarán un voo directo até Málaga. Desde esa cidade andaluza terán que desprazarse en autocar até Alxeciras, uns 140 quilómetros por estrada de traxecto.

Nesa localidade conta con pasar a noite e mesmo realizar unha pequena sesión de adestramento. Ao día seguinte terá que coller un ferri para chegar a Ceuta e xogar ese mesmo día ás 12 do mediodía. A volta será a seguinte segunda feira pola mañá facendo o mesmo traxecto que de ida até chegar a Ferrol. 

Esta non será a última viaxe deste tipo do Racing de Ferrol esta tempada. En poucos días, o 20 de novembro, o conxunto de Cristóbal Parralo terá que realizar outro desprazamento no que sumará moitos quilómetros e algunhas horas de máis: a viaxe até a Liña da Concepción para xogar contra o Cádiz.