Padrón acollerá a 10K, a carreira popular máis concorrida que arrodea o río Ulla
Este sábado as persoas amantes das carreiras populares teñen unha cita coa XXII Padrón 10K. O evento, organizado polo Concello, conta co apoio da Federación Galega de Atletismo (FGA) e xa é un referente desta modalidade na Galiza. O percorridodesta proba conseguiu a homologación en 2011 polo que acoden atletas de todo o país coa intención de mellorar as súas marcas de maneira oficial.
En declaracións a Nós Diario, o técnico de deportes de Padrón, Roberto Martínez, explica que o evento "foi subindo ano a ano e con 1.432 participamos batemos o récord en 2024". Ao feche desta edición aínda non rematara o prazo de inscrición, mais contan con aproximarse a esa cifra.
"Temos tres bloques, un de probas escolares, outro de 4K e, por último a 10K", apunta. Reparten 1.150 euros en premios en metálico e o percorrido mantense, como cada edición, percorrendo ambos os dous lados do río Ulla.
Campionatos da Xunta
Alén de Padrón, Ourense acolle tamén esta fin de semana dous Campionatos Xunta da Galiza nas categorías Sub-18 e Sub-20, que decorrerán en Expourense. No primeiro, o sábado, salientan, por exemplo, tres atletas en velocidade como Eloy Vazquez, Adrián Bernárdez, Aaron Pérez e Paula Conde. Nos 400 metros estará Martiño Salgado e nos 8oo metros, Sabela Martínez. Tamén participarán Alex Sierpes, nos 3.000, e Eva Rouco, nos 1.500 metros.
Xa o domingo, en Sub-20, correrán Mauro Vázquez nos 60 metros e Ricardo Cortizo nos 200 metros. No medio fondo, Iker Fernández será outro dos nomes a seguir nos 3.000 e 1.500 metros. Nestas distancias, na categoría feminina, correrá Sara Guedes.