David Merino, o adestrador que viu medrar a Pablo Durán: "Nunca se rendeu, é un exemplo de traballo e constancia"
Pablo Durán é un nome abondo coñecido no fútbol profesional e especialmente para a afección do Celta. Con 24 anos está xa asentado en primeira e destaca na súa posición de dianteiro, anotando importantes goles desde que chegou ao primeiro equipo tras pasar polo Fortuna. Comezou a adestrar na AD Tomiño, equipo do que formou parte até o ano 2020, cando, tras rematar a súa formación en xuvenís, marchou cara ao Porriño Industrial. A seguinte tempada foi fichado pola SD Compostela e despois polo Celta Fortuna, onde permaneceu ás ordes primeiro de Claudio Giráldez e despois de Fredi Álvarez até o seu gran salto á elite en 2024.
A andaina de Pablo Durán comezou con David Merino, o seu adestrador na AD Tomiño e que continúa hoxe en día a cargo de varias categorías do equipo tomiñés. Merino recorda con cariño e orgullo ese neno que el adestrou con tanta alegría.
Un rapaz maduro que poucas veces se distraía e que desfrutaba escoitando atentamente as indicacións dos adestradores, a pesar de ser aínda un cativo.
O adestrador tivo claro que cando Pablo rematou en xuvenís, debía tentar dar un paso máis alá a equipos que xogasen en Preferente. Por iso chamou ao que daquela era presidente do Porriño, que xogaba en liga galega. A pesar de que o equipo estaba fechado, cando viron xogar Pablo aceptárono para o equipo. “Chegaron a preguntarme que como daba así a cara por un neno”, relata Merino a Nós Diario.
“Tiven claro a miña resposta: porque sei por quen estou a dar a cara e sei que non me vai decepcionar”. E é que a relación de Merino con Pablo vai moito máis alá dunha relación de adestrador e xogador. É amizade, charlas e consellos. Pablo achegábase moitas veces á casa de David e podían pasar horas falando de fútbol, incluso cando Pablo xa estaba no Porriño Industrial ou na SD Compostela.
A grande evolución de Pablo Durán
“Pablo tivo unha evolución moi grande, chea de dúbidas e de inquedanzas, mais con moitas ganas de aprender e de evolucionar sen pórse límites”, relata Merino. “Ás veces incluso lle xogaba malas pasadas a súa autoesixencia, é un rapaz moi esixente consigo mesmo, pero sempre tivo claro o que quería conseguir”. O adestrador do Tomiño recorda unha ocasión nun encontro contra o Ourense, na que Pablo saíra dun partido moi decepcionado con el mesmo, a pesar de que fixera un partido excepcional.
Merino chegoulle a dicir a Pablo tras falar con Javier Rey, o actual adestrador do Cartaxena, que se seguía así chegaría moi lonxe. A resposta de Pablo non tardou: “Pero se fixen un partido malísimo!”.
O último ano de Pablo en xuvenís estivo cargado de moito traballo físico e mais psicolóxico. "Pablo nunca se rendía e seguía a xogar”, lembra con entusiasmo o coordinador.
Humildade, esforzo e moito traballo
Merino destaca a faceta de Pablo Durán como xogador, mais sobre todo como persoa. “Pablo é un neno que representa moi ben os valores do noso club: humildade, esforzo, traballo e constancia”. É un referente para os 250 nenos e nenas que forman parte da AD Tomiño e por suposto para todas as persoas da zona. O búfalo de Tomiño é amigo de gran parte dos adestradores tomiñeses e iso failles sentir moi orgullosos. Porque cada vez que o ven na televisión, non o ven como un xogador do Celta senón como Pablo Durán, ese neno que tiña un sono que cumprir.
“Se lle preguntas a calquera deses 250 nenos e nenas que temos no club, estou seguro de que todos van ter a mesma resposta: eu de maior quero ser como Pablo Durán”, afirma Merino.
“Sabemos que Pablo está dispoñíbel a axudar para calquera cousa que precisemos, porque non pode ser mellor persoa, sempre está para nós e para botarnos unha man”, destaca o adestrador.
Desde o Tomiño deséxanlle o mellor a Pablo e, sobre todo, que siga desfrutando como o está a facer. “Oxalá algún día poidamos velo xogar na selección española, sería o mais bonito para todos e para el”, salienta Merino. O equipo tomiñés espera poder seguir crecendo como familia, que é o que se consideran. Unha gran familia.