O Obradoiro agarda "gozar na pista" para que sexa "máis fácil" esta tempada
O Monbus Obradoiro realizou esta cuarta fera o seu tradicional encontro cos medios de comunicación, previo ao inicio da pretempada, onte en Compostela. Compareceron o director xeral e deportivo, Héctor Galán, e o novo técnico, Diego Epifanio 'Epi', coa idea de compartir a información do proceso de configuración dun equipo que mudou moito desde que rematou a pasada campaña.
Ambos os dous responsábeis do proxecto que o conxunto da capital ten entre mans amosaron en todo momento unha boa sintonía na liña a seguir. "Sempre tivemos claro un cadro de 12 xogadores con rapaces da canteira que nos axudarán", concretou Galán. Sobre a chegada de pezas desde o ex equipo de 'Epi', o Leyma Básquet A Coruña –como foi o caso de Goran Huskic, Yunio Barrueta e Olle Lundqvist–, o director deportivo dixo que é unha situación "normal" en todos os clubs.
"Cantos máis xogadores coñeza o adestrador, mellor; xa tes un percorrido gañado á hora de adaptarte. Nós vimos a oportunidade de aproveitalo co A Coruña", admitiu. Neste sentido, Epi recoñeceu que, dos doce xogadores previstos, xa traballou con seis. "Catro na Coruña, sumando a [Álex] Galán, e tamén traballei con Felipe [Dos Anjos] e con Sergi [Quintela]".
A aposta de Epi
O propio Epi defendeu a aposta por Leo Westermann, un xogador "que ten solvencia, non só polo seu currículo senón polo que demostrou o ano pasado nesta mesma competición", a Primeira FEB, a categoría de prata do baloncesto estatal. Ademais, o de Burgos ten "confianza" no desenvolvemento de Alonso Grela e no traballo que realiza con Olle Lundqvist. "Cremos que o seguinte paso é que ocupe a posición de 1, aínda que sabemos que contamos con outros 'manexadores' no club que nos poden axudar a trasladar o balón", indicou o técnico do Obradoiro.
Preguntado polos resultados que agarda, Epi sinalou que, "se somos capaces de gozar na pista, todo será máis fácil". Fiel ao seu estilo de xogo, o adestrador apuntou que "evidentemente", lle gusta gañar sempre, "mais logo hai que tentar pasalo ben" na pista, dixo. Por este motivo, na pretempada que comezará o vindeiro 18 de agosto vai procurar un equipo que sexa "dinámico". Mais "ao mellor nos atopamos que na pretempada non somos capaces de desenvolver iso e temos que agarrarnos a outras virtudes do equipo".
Para o técnico, con este Obra pódense facer "moitas cousas", polo que buscará primeiro ver como se senten na pista. "A idea é tentar defender o mellor posíbel, poder ir ao rebote e correr", aclarou o ex do Leyma.
A peza que falta
O equipo non está completo, e no Obradoiro son conscientes da falta dun xogador na posición de '4' que aínda ten que chegar. Sobre este tema, Héctor Galán apuntou que tirarán "de paciencia" até dar co xogador idóneo. "Non sei se estamos a pedir demasiadas cousas nunha mesma figura, polo que se cadra custa atopala", confirmou. O responsábel do club asegurou que estas semanas valoraron moitas opcións e teñen algunhas máis pendentes.
Neste sentido, entre as que seguiron atoparon algunhas "de xogadores que estiveron na liga, mais que polo que sexa non acababan de darnos ese 100% que buscabamos, e outros moitos que están fóra da liga, que quizais o que lles vemos é que precisamente están fóra". Para desfacer esta indecisión, o directivo valorou a fórmula de levar "o xogador que, cando o vexa, diga 'este é o que nos gusta', que nos cubra isto, pódenos abrir o campo, pode dar físico e un equilibrio co poste baixo, porque tamén é o queremos agora".
Rivais da tempada
Na análise da futura tempada, Héctor Galán falou dos rivais cos que se atopará o Obradoiro e de cales son os favoritos para loitar polos postos de ascenso. Ademais do equipo compostelán, indicou que "hai tres ou catro equipos, que todos sabemos, como son Estudiantes, A Coruña e Palencia", aos que se poden sumar algún como o Alacant, "que o pasou moi mal o ano pasado mais agora está a facer tamén incorporacións de moito nivel".
Ademais, Galán alertou do papel que xogan outros equipos que "aparecen" cada tempada e están loitando polos primeiros postos. Puxo como exemplo o o Gipuzkoa ou os que proceden de Balears, "que este ano son tres e Menorca, que repite, está a facer tamén incorporacións de moito mérito". Neste sentido, explicou que a liga, pola súa propia experiencia, "demostrou que sempre hai equipos que, á parte dos mellores nomes que todos coñecemos, son capaces de facer un equipo e, cando funcionan, nesta competición dan moitos problemas".