O Depor pensaba no Celta, o Barça no Milan

Estraño partido no Camp Nou. O Depor pensaba no Celta. O Barça, no Milan. O taboleiro de marcas reflectiu ao final un 2-0 porque o Barça tirou a porta e o Deportivo, non.

 

Imposíbel gañar no Camp Nou se non se ten o partido na mente. O Deportivo non o tiña. Fernando non forzou a reaparición de Riki e Nelson Oliveira sinxelamente foi invisíbel. Para o carril esquerdo, botou man de Manuel Pablo, non porque o canario estexa para xogar -Tello aproveitou para darse un festín na primeira metade-, senón para preservar a Ayoze, que arrastraba 4 cartóns amarelos. Fernando priorizou o partido co Celta.

O mellor futbolista branquiazul foi Aranzubia. Marabillan os reflexos deste gardamallas de 31 anos. Sen el o Deportivo tería encaixado dous ou tres goles máis.

O Barça puxo en cena unha equipa B, mas unha equipa B do Barça é hoxe un rival inasequíbel para un Deportivo plano, nada intenso, incapaz de desbordar a ninguén.

Estar a 8 pontos da liña de salvación e ser incapaz de tirar unha soa vez entre os 3 paos é tanto como asinar a túa sentenza de morte

O primeiro gol do Barcelona, un centro sen oposición de Alves, un remate franco de Alexis, retratou a defensa do Deportivo. Ninguén incomodou o dianteiro chileno. Ninguén salvo Aranzubia, que esticou o brazo o indecíbel para case, case, salvar o gol.

A segunda parte non tivo historia. Entrou Camuñas no campo, un misterio por resolver. Que ofrece este futbolista? Ninguén o sabe, mais gozou consecutivamente dos favores de Oltra, Paciência e agora Fernando. Entrou Messi e foi invisíbel até o gol. Pasa moi frecuentemente con este futbolista. É invisíbel até que aparece, e cando aparece é gol. Leva 40 tantos en 27 partidos. Unha auténtica bestialidade.

En ningún momento deu o Deportivo a impresión de se xogar a vida, como se na axenda branquiazul esta xornada estivese riscada en negro desde o principio do campionato, o negro da derrota. Estar a 8 pontos da liña de salvación e ser incapaz de chutar unha soa vez entre os tres paos é tanto como asinar a túa sentenza de morte.

O Deportivo leva sumado 17 pontos en 27 partidos. Fican 11 xogos. Matematicamente a equipa non está descendida. Futbolisticamente, si.