Entrevista

Ana Seabra, adestradora do Guardés: "Nunca pensamos en chegar líderes a 2025, mais agora queremos soñar en grande"

A adestradora lusa Ana Seabra levou o Atlético Guardés ao liderado indiscutíbel esta tempada. (Foto: SportCoeco)
O Mecalia Atlético Guardés fechou o ano cunha nova vitoria, no derbi ante o BM O Porriño, que o afianzou como líder indiscutíbel da División de Honra. A adestradora do conxunto miñoto, Ana Seabra (Funchal, Portugal, 1977), ten boa parte da 'culpa' do éxito desta tempada. 

—Rematou o ano, e practicamente a primeira volta, cun balance de dez vitorias e unha soa derrota. Como valora este inicio de tempada?
É unha primeira volta incríbel do equipo. Estamos moi contentas porque sabemos que esta é unha liga moi difícil e complicada, onde ningún partido é fácil e onde hai equipos moi diferentes que nos poden facer dano de distintas formas, pero é verdade que os conseguimos superar e sumar puntos en pavillóns complicados. Por iso estamos aquí, contentas e orgullosas polo camiño incríbel que fixemos até o de agora e as sensacións que fomos obtendo.

—Antes de comezar a liga, esperaba verse nesta situación en xaneiro, liderando a táboa?
Non. Eu son unha persoa positiva, mais respectamos moito a calidade das nosas opoñentes e non pensabamos que puidésemos ser agora primeiras con só unha derrota, nun partido que perdemos por un gol na nosa casa e que foi o partido no que cometemos máis erros, que non nos saíu ben. Creo que nunca pensamos, nin nós nin ninguén durante a pretempada, que nos veriamos nesta situación.

—Cales diría que son as claves que levaron o Guardés a cultivar estes bos resultados?
O traballo en equipo foi a clave. As mozas traballaron moi ben xuntas, empezaron a entenderse entre elas, a gañar confianza, a estar mellor mentalmente... E, pouco a pouco, foron chegando os resultados e o éxito. 

—O ambiente no vestiario será inmellorábel nestes momentos. Ve o equipo especialmente motivado agora que é líder indiscutíbel?
Si, eu penso que o equipo é consciente de que pode, pero tamén de que as dificultades están aí. Teremos partidos moi difíciles, mais loitando pódense sacar. Sempre que falo con elas recalco que non perdan a humildade no traballo, que manteñan sempre os pés no chan para seguir pelexando partido a partido. Agora temos que seguir traballando ben, coa conciencia posta en que imos ter unha segunda volta moi difícil. De feito, aínda non rematou a primeira. Quédannos Elda e Beti-Onak, que son dous equipos con calidade e que contra os que teremos que pelexar e competir especialmente para gañar.

—Até o momento, a excepción da pausa polo Europeo de seleccións, non tiveron apenas descanso, mais agora collerán folgos até o 12 de xaneiro. Cre que pode afectar este paro dalgunha forma á boa xeira que levan?
Necesitamos un pouco de descanso para que as xogadoras con molestias se recuperen e que todas poidan gozar tamén un pouco do Nadal, xa que até o de agora estiveron adestrando [para preparar o derbi ante o BM O Porriño, que gañaron por 26 a 22 o pasado sábado]. Foron unhas guerreiras porque fixeron un esforzo incríbel. Agora toca descansar, estar coas nosas familias e amizades, mais tamén seguir adestrando e estar activas para non perder a forma e volver enfocadas no noso obxectivo. Este pequeno paro será principalmente para que as xogadoras se recuperen física e mentalmente.

—Antes de comezar a liga o obxectivo pasaba por meterse nos play-off. Agora, con este brillante inicio, buscan unha meta máis ambiciosa?
Si, claro que cambiou o obxectivo. É certo que non vai ser un camiño sinxelo, hai que dar valor ao que fixemos. Este é un deporte no que pode pasar de todo, estamos na Primeira División e aquí todos os equipos queren gañar, polo que temos que continuar facendo o noso traballo, partido a partido, e seguir sendo constantes. Sería incríbel e encantaríame acabar a liga regular como líderes.

—Rematar a tempada regular no primeiro posto daríalle algunhas vantaxes de cara ao play-off.
Ten as súas cousas boas e malas. Nunha liga regular, un equipo que traballa moi ben durante toda a tempada pode chegar aos play-off e ter momentos malos, e nese caso non é xusto porque traballou unha tempada enteira para quedar primeiro e despois, nestas eliminatorias, por mala sorte pode ter un partido no que non saian as cousas e perdelo todo. Pero, por outra parte, un play-off dá unha competitividade e unha emoción aos partidos que unha liga regular non adoita ofrecer. Teremos que traballar moito para chegar alí e mostrar un nivel e unha solidez no traballo moi grandes, porque se non as cousas non suceden.

—Que tal lle vén ao equipo este formato de eliminatorias a dobre partido para loitar polo título?
Sabemos o que temos por diante e somos conscientes de que clasificar para os play-off vai ser difícil e que haberá equipos potentes. O noso obxectivo de cara a esas eliminatorias é manter o nivel e pensar en grande. Só vale iso, non podemos pensar noutra cousa.

—Esta é a súa terceira tempada no Atlético Guardés. Botando a vista atrás, que balance fai do traballo realizado, primeiro substituíndo Abel González e despois Cristina Cabeza, cos que exercera de segunda adestradora? 
Esta liga é moi competitiva e profesional; moi diferente a outras, como a de Portugal, onde hai unha serie de equipos semiprofesionais. É moi diferente tanto a liga como a profesionalización, e o compromiso e a dedicación tamén son moito maiores porque as xogadoras son profesionais e teñen que traballar como tales. Ademais, nesta liga non hai un só partido doado, tes que estar sempre concentrada e ter todo ben preparado.

A primeira grande experiencia fóra da casa

Esta foi a primeira experiencia longa de Ana Seabra fóra do seu Portugal natal, e á vista dos resultados está que non lle foi nada mal. “De momento, adáptome ben. A xente aquí foi moi amábel comigo, non tiven ningún problema; todo o contrario. Sempre me axudaron e tratáronme como a unha máis”, asegura.

A adestradora, fiel á súa filosofía do "partido a partido", elude dar pistas sobre se continuará na Guarda a partir do verán: "Ninguén falou comigo de cara ao futuro. Cando teñamos esa conversa veremos que facemos, agora non o sei porque non teño claro que vai pasar. Non penso moito niso de momento".
Seabra, antes de dirixir outras xogadoras desde o banco, foi tamén protagonista nas canchas. Admite que son dous roles "moi diferentes" pero se ve cómoda cos dous. "Tiña unha paixón polo balonmán moi grande como xogadora, mais sabía que tiña que fechar o ciclo e dar paso ás xogadoras que viñan detrás. Gústame moito a estratexia, mesmo cando era xogadora. Empecei como adestradora moi cedo, formando nenos duns 7 anos. Sempre me gustou moito a táctica, vexo moitos partidos e gústame dar voltas ás cousas. Agora o meu rol é o de adestradora e encántame, é moi diferente a ser xogadora porque somos as líderes e cando algo pasa somos as principais culpábeis, e hai que saber lidar con esa presión", apunta.