Máis de 150 padexeiros de toda Galiza participan na 63 edición da Travesía de Foz
Foz (A Mariña) volve un verán máis renovar o seu compromiso co piragüismo a través dunha das probas marcadas en vermello no calendario galego e unha das máis veteranas a nivel estatal, a Travesía de Foz.
A localidade mariñá acollerá o sábado 26 de xullo a 63ª edición deste evento, organizado polo club caiac Foz e que foi presentado na mañá desta cuarta, coa presenza de, entre outros, a deputada provincial Iria Castro, o alcalde da localidade, Francisco Cajoto e o presidente do caiac Foz, Nacho Romillo.
A proba contará este ano coa participación de máis de 150 padexeiros e padexeiras das categorías cadete, xuvenil, senior e veterano, tanto masculina como feminina, e de clubs procedentes de toda a Galiza, entre eles, os da comarca e áreas próximas como o Club Flu-vial de Lugo, o Cidade de Lugo, o Altruán de Ribadeo ou o Viveiro Urban Hotel.
Iria Castro parabenizou o Caiac Foz “pola organización dunha nova edición desta cita histórica que demostra a tradición dos deportes de auga na Mariña" e valorou “a contribución destas probas á promoción do deporte, a valorización do noso entorno natural, e ao dinamismo social das localidades que as acollen”.
A primeira edición da Travesía decorreu en 1962, unha iniciativa na que, entre outra moita xente, estivo involucrado Jacinto Regueira Alonso, árbitro internacional; de grande prestixio no mundo desta disciplina.
Campionato do Mundo
Por outra parte, Portugal acolle desde esta cuarta feira o Campionato do Mundo de Sprint Júnior e Sub23, unha das grandes citas internacionais do calendario, na que o equipo do Estado español xa se atopa concentrado para afrontar cinco intensas xornadas de competición. O evento terá lugar na pista de Montemor-o-Velho, un escenario xa habitual en grandes campionatos, e contará cunha nutrida presenza galega: 24 padexeiros foron convocados, unha cifra que deixa clara a potencia do piragüismo galego nestas categorías.
Entre as participantes na categoría júnior feminina destaca a pontevedresa Natalia Moreira (Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra), quen afrontará o dobre reto de competir en K1 500 metros e formar parte do K4 500, onde compartirá embarcación con Sofía Parada (Club de Piragüismo Portonovo), María Martínez e Celia Llera.
En caiac júnior masculino Borja López (Club Náutico Firrete) e Miguel Blanco (Club de Mar Ría de Aldán) estarán no K4 500 metros, xunto Gonzalo Selectos, Jaime López y Sotelo.