Lucas Pérez abandona o Deportivo despois do "desgaste emocional" dos últimos meses
O anuncio e a despedida de Lucas Pérez, capitán do Dépor, marcou esta cuarta feira a axenda mediática do equipo herculino.
En rolda de prensa, emocionado, o xogador criticou as informacións que algúns medios relacionaban a súa marcha con motivos económicos e lembrou que a súa chegada ao equipo foi "desinteresada". Lembrou que cando aterrou en Riazor "había moitos déficits e agora está nunha situación privilexiada".
Para explicar o que aconteceu, Peréz asegurou que tivo "un gran desgaste emocional" estes dous anos "que se agravou nos últimos meses" e, sobre todo, tras a recepción dunha carta do club "para comprometerme en quedar".
"Amo ao Deportivo e morrerei sendo do Deportivo", asegurou desmentindo que tivese contactos con outros clubs "uns ataques que non entendo, non pedín o contrato até 2029". Neste sentido denunciou as informacións dalgúns medios que sinalaban que viaxou até Madrid para pasar a revisión médica dun equipo "cando en realidade fun visitar ao meu fillo".
Pérez lembrou que o club "é máis grande que calquera xogador, é centenario e seguirá así".
Ménendez ao Rácing
Tamén esta cuarta feira tivo lugar a presentación oficla do novo adestrador do Rácing de Ferrol, Alejandro Menéndez. O técnico asturiano ten unha notábel experiencia no fútbol estatal á fronte de equipos como o Celta B, Real Madrid Castilla, Real Racing Club, Burgos CF ou Albacete Balompié.
Ademais, o novo adestrador verde ten experiencias internacionais á fronte do Burian United FC tailandés e o East Bengal FC indio.
Cánticos en Balaídos
Por outra parte, a Liga Nacional de Fútbol Profesional volve esta semana á carga contra o Celta. A reacción da bancada celtista esta fin de semana en Balaídos, despois do acontecido na Copa ante o Real Madrid, evidenciou o malestar cos máis altos organismos do fútbol español. A entidade que preside Javier Tebas vén de denunciar dous dos moitos cánticos que, asegura, realizáronse durante o encontro entre o equipo celeste e o Athletic.
En concreto sinala que no minuto 3 de partido “un grupo de afeccionados locais situados no sector central da bancada de Marcador Baixo entoaron de forma coral e coordinada durante, aproximadamente, vinte segundos o cántico 'Puta España, puta Real Madrid'. Despois, entoarían, na versión de La Liga, a frase “que si, que si, que puta Real Madrid”.
Alén diso, a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) tamén decidiu castigar con dous partidos de sanción a Óscar Mingueza tras a súa expulsión por parte do árbitro Miguel Ángel Ortiz ao rematar o encontro.