Lúa de Forza e Gharaboto F proclámanse campións da Liga Galega de Billarda
O campo estradense de Santeles (Tabeirós-Terra de Montes) acolleu esta fin de semana a fase final da Liga Galega de Billarda (LGB) 2025. Baixo un sol abafante proclamáronse campioas e campións das categorías Infantil, Equipos F, Equipos A Varados, Feminina e Absoluta.
Comezou a xornada o Infantil con 8 participantes e unha dura loita polo podio que se levou Xián Burgos. Tras del quedaron en segundo e terceiro lugar, respectivamente, Antía Balea e Adrián Darriba.
A seguinte final, a de Varados, decidiuse por escasos metros e centímetros en favor de Xan Rodiño, que ocupou o primeiro lugar, segundo quedou Martín Muñoz 'Moñas' e o terceiro posto no podio foi para José Manuel Salgueiriño.
Na Final de Equipos F cumpriuse a lóxica da tempada e gañou Gharaboto F. O equipo que máis perto estivo des disputarlle o título foi Corredoiras F mais só contaba con dúas xogadoras. Aínda así, coa actuación de Bego Ríos e Chefa Ruíz, conseguiron a segunda praza. A emoción estivo no terceiro posto, entre Armadiña F e Valpaços F, que quedou en mans das primeiras.
Para a final de Equipos A, varios equipos partían con baixas. Era o caso de Lúa de Forza, Corredoiras e Gharaboto. Nesta categoría quedou terceiro Corredoiras, segundo Cochiqueiros para deixar como campión a Lúa de Forza.
A Final Feminina cumpriu con todas as expectativas. O potencial da billarda feminina das Rías Baixas non ten rival nestes momentos e o podio foi enteiro para as xogadoras desta conferencia. O título levouno Bego Ríos, de Corredoiras, e o subcampionato foi para Tania dos Reis, de Valpaços. Lu Torres, de Lúa de Forza foi terceira.
Rodiño gaña a absoluta
A Final Absoluta reunía 38 deportistas, 8 mulleres e 30 homes para dilucidar o Campión ou Campioa da LGB desta tempada. Decidiuse na disputa entre 3 xogadores do Noroeste e 1 xogador das Rías Baixas. Valentín Pastoriza era a presenza máis inesperada e sobresaínte, pois, o xogador de Filloas, orixinario de Cabanas (comarca do Eume) xogaba a primeira temporada en categoría absoluta.
Os demais son xogadores consolidados e calquera deles podía e debía aspirar ao título. Ao final conseguiu un segundo posto no podio que liderou Xan Rodiño e deixando en terceiro lugar a Xosé Collazo. O vindeiro compromiso coa billarda será o Campionato de seleccións Norte-Rías Baixas do 19 de xullo televisado pola TVG.