A Liga Galega de Andainas apura as últimas probas da tempada
A Liga Galega de Andainas achégase ao final con dúas probas pendentes antes de rematar a campaña: a XVIII Andaina da Castaña de Parada de Sil (25 de outubro), na comarca de Terra de Caldelas, e a XIX Andaina de Outono, no Barco de Valdeorras (9 de novembro). Desde o seu inicio no mes de febreiro en Noia (comarca homónima) decorreron 12 encontros que consolidaron unha iniciativa da Federación Galega de Montañismo (FGM) que naceu en 2023.
En opinión do vogal de Andainas e Sendeirismo desta entidade, Henrique Freixeiro Cameselle, a tempada está a ser "excelente, con moi boa participación". Pon como exemplo a que tivo lugar en Brión (comarca de Compostela), "con máis de 1.000 persoas inscritas". Con todo, non esquece que este ano veu marcado polos incendios e, lembra, "houbo que cancelar a proba da Rúa (Valdeorras) por estar todo o percorrido afectado".
Sobre as andainas que quedan por realizarse, Freixeiro é moi optimista. “Hai unha boa participación, mesmo da que se organiza en Parada de Sil, que é veterana aínda que entra este ano por vez primeira na liga”, resalta o tamén presidente do Clube de Montaña Xistra.
En relación á clasificación provisional oficial, agora mesmo hai 23 nomes, a maioría do Club de Sendeirismo Trabandainas (14), seguidos dos ateltas do Club de Montaña do Barbanza Vintedouspés (2), Club Internacional Trekkers Barbanza-Sar (2), Clube de Montaña Xistra (2), Club Montaña Ferrol (1), Club Pena Trevinsca O Barco (1) e Club de Montañismo Montañas de Trevinca (1).
A Andaina da Castaña
Na proba que se desenvolverá este sábado en Parada de Sil, após o feche das inscricións hai 323 persoas que solicitaron participar. A maioría estarán nas de 25 quilómetros (200) e de 18,5 quilómetros (101), mais tamén haberá presenza na da cativada (18). O presidente do Clube de Montaña Ribeira Sacra, Xosé Antón Vázquez, recorda que esta andaina conta "con 18 anos de historia". Esta entidade é unha das máis activas do país e este domingo mesmo organizou a Carreira do Canón do Sil. O responsábel do club salienta que son os únicos que contan cunha andaina de cativos e a calidade das paraxes polas que pasan as persoas que participan:
"A primeira é un percorrido interpretativo polas 'carriozas', que é como chamamos aquí aos camiños estreitos entre dúas paredes polos que circulaban as vacas". Esta andaina conta con persoal monitor que explica os diferentes lugares polos que pasa, ademais de gozar dunha vexetación na que están moi presentes os castiñeiros, os amieiros, as viñas e os carballos. "Nas de percorrido maior aproveitamos para visitar zonas de paisaxes espectaculares, na ribeira do río e unha vexetación na que non existen os eucaliptos", afirma.
O Barco mantén a andaina
No Barco de Valdeorras, organizada polo Club Pena Trevinca malia os incendios que tiveron lugar nos meses pasados, decidiron manter a súa andaina. "Gran parte do percorrido está queimado, mais decidiron que se fixese como unha forma de homenaxe á xente do lugar e, ao mesmo tempo que as e os participantes visen cos seus ollos o que aconteceu", indica o responsábel de Andainas da FGM.
Nesta proba haberá dúas distancias, de 25 e de 15 quilómetros, e sen fechar as inscricións xa conta cun total de 297 persoas participantes.