As lesións axexan o fútbol feminino
O Deportivo feminino é o novo líder da Primeira Federación Futfem, que a pesar do seu nome é a segunda categoría a nivel estatal. A escuadra herculina logrou así facerse co título honorífico de campioas de inverno -que se arroga quen remata a primeira volta na cabeza da táboa- grazas a un sufrido triunfo por o-1 sobre o Granada, que a devolveu a un posto de privilexio que xa ocupara nas xornadas 1, 3 e 12.
Con todo, o resultado tivo unha contraparte negativa: as baixas de Laura e Henar -que colisionaron pugnando por un balón aéreo, resultando a primeira conmocionada e a segunda cun corte na testa- e a de Samara Ortiz, quen volvía mancarse despois de sufrir unha lesión no seu bíceps femoral da súa perna dereita.
A de Ortiz engadese a outras lesións padecidas polas futbolistas herculinas no que vai de campaña, sendo a máis grave a de Letti Sevilla a finais de agosto, cando escordou o ligamento lateral interno do xeonllo dereito.
Esa parte do corpo, o xeonllo, está levantando a voz de alarma no mundo do fútbol feminino, pois a día de hoxe cinco das 20 primeiras clasificadas no último ránking do Balón de Ouro están de baixa por romper o ligamento cruzado anterior e rara e a fin de semana na que algunha muller das principais ligas non manca un xeonllo, o que evidencia un problema ao que urxe atopar solución.
O Rácing é o único equipo que suma de tres en tres
A vitoria e reconquista do liderado do Dépor feminino foi a mellor noticia dunha xornada futbolística escasa en alegrías para a afección galega, pois alén das herculinas tan só os Diaños Verdes do Rácing de Ferrol foron quen de sumar de tres en tres, após golear o Sanse 3-0 na Malata, tantos materializados por Héber Pena, Manu Justo e un veteranísimo Álex López que festexou o seu 35 aniversario cun bo gol.
Pero até aí as boas novas. O Celta e o seu filial sumaron senllos empates a un, no caso do primeiro equipo contra un Vilarreal que marchou de Vigo cun punto grazas ás paradas dun porteiro de 40 anos (Pepe Reina) e no do Celta B, que tamén foi superior ao seu rival, o Fuenlabrada, a encaixar o tanto das táboas madrileñas no minuto 89.
Finalmente, Deportivo masculino, Lugo e Pontevedra perderon 3-1, 2-0 e 1-0, respectivamente, afastándose así de cadanseus obxectivos.