LaLiga deféndese como a "prexudicada" da pirataría e o BNG responde: "Non só falta á verdade, quere amedrentar unha forza política"
O bloqueo de páxinas webs por parte de LaLiga e Movistar durante os partidos de Primeira División segue a xerar polémica. LaLiga remitiu esta cuarta feira unha carta ao BNG, na que critica "inexactitudes e erros" da iniciativa da formación política que denuncia as apagadas "indiscriminadas" de webs.
Na misiva, LaLiga afirma que a Proposición Non de Lei da formación nacionalista recoñece que as súas actuacións "atópanse plenamente amparadas por resolucións xudiciais". Ademais, critica a "falta de consideración cara os verdadeiros prexudicados" e a "absoluta despreocupación" por que desde as IP se leven a cabo unha actuación "delituosas".
Pola súa parte, o deputado nacionalista, Néstor Rego, considera que a carta "non só falta á verdade, senón que quere amedrentar unha forza política que cumpre co súa deber: defender os dereitos da cidadanía fronte a prácticas abusivas e opacas que están a afectar a webs e servizos completamente lexítimos".
O BNG defendeu esta cuarta feira na Comisión de Economía, Comercio e Transformación Dixital do Congreso unha iniciativa para reclamar ao Goberno español que evite os bloqueos. Afirman que non cuestionan combater a piratería, senón "o modo en que LaLiga e algunhas operadoras actúan".
O problema transcendeu en maio cando se produciron queixas por parte de usuarias e usuarios así como de empresas, unha protesta que recolleu o BNG que denunciou que Movistar e LaLiga realizaban esta práctica após a sentenza en 2022 dun xulgado de Barcelona contra a piratería. O informático, Jaume Pons, identificou para a publicación especializada Computer Hoy até 14.544 webs inocentes afectadas.