Jutglà asina por catro tempadas para reforzar o ataque do Celta
O Real Club Celta de Vigo confirmou esta terza feira oficialmente a incorporación de Ferran Jutglà á disciplina do primeiro equipo. O catalán, nado na localidade de Sant Julià de Vilatorta, chega desde o Club Bruxas da Primeira División belga e faino cun compromiso por catro tempadas, até 2029.
Desde a entidade celeste, a través dun comunicado, salientan que con esta fichaxe o equipo que adestra Claudio Giráldez "reforza a súa dianteira" converténdose "na terceira fichaxe" incorporando un perfil deportivo "de dianteiro versátil, con gran mobilidade e olfacto, sempre atento aos espazos e cunha clara vocación ofensiva".
De Osona a Bélxica
Jutglà pasou de xogar nos seus inicios en equipos da comarca de Osona, como o do seu municipio ou o Vic Riuprimer FC, a chamar a atención dos máis grandes, como o RCD Espanyol e o FC Barcelona. Co primeiro chegou a ser capitán do filial na tempada 2019-2020 e co segundo debutou no primeiro equipo a finais de 2021. Posteriormente regresou ao filial e converteuse no máximo goleador da Primeira División RFEF cun total de 19 goles, feito que provocou que pedise a súa cesión ao Bruxas.
Nas tres tempadas que pasou no equipo belga, o dianteiro xogou 148 partidos oficiais –entre Liga, Copa, Conference e Champions– e marcou 40 goles, case a metade dos que logrou na súa carreira desde que chegou á capital catalá.
Incorporacións pendentes
Após a incorporación de Jutglà, e a anterior de Ionut Radu xunto á continuidade de Ilaix Moriba e as renovacións de Sergio Carreira e Yoel Lago, quedan xogadores aínda por concretar. É o caso de Borja Iglesias e un atacante que ocupe o lugar de Fer López despois da súa marcha ao fútbol inglés.
Sobre o compostelán, que ten que volver ao Betis despois da cesión por esta tempada, non hai nada asegurado. Borja Iglesias non agochou que quere continuar na Galiza mais todo depende da vontade de ambos os dous clubs durante a negociación. Segundo publicou ABC Sevilla, a entidade verdibranca quere rematar a amortización do traspaso que pagou polo xogador ao RCD Espanyol (28 millóns de euros dos que quedan entre 4 e 6 millóns de euros).
O club andaluz lembrou estes días que Borja Iglesias ten contrato en vigor coa entidade até o 30 de xuño de 2027, logo de ter unha opción para prorrogalo un ano máis e ademais posúe unha cláusula de rescisión. Por parte do Celta, valoran a actuación do compostelán esta tempada, na que xogou un total de 39 partidos e marcando 11 goles.
Con todo, despois de asegurar a incorporación dun dianteiro como Jutglà, a entidade que preside Marián Mouriño rebaixa as présas por contar cunha fichaxe rápida e o Celta pode agardar nunha negociación que, segundo indican os medios de comunicación andaluces, non será doada.
En relación á chegada dun reforzo para substituír Fer López, son varias as fontes xornalísticas que apuntan á posibilidade de aproveitar a inxección económica que supuxo (25 millóns de euros) para traer outro dianteiro. Entre os nomes que se barallan está o do brasileiro Arthur Melo. O centrocampista de 28 anos –que esta tempada militou cedido no Girona FC por parte da Juventus, o club que ten a propiedade dos seus dereitos– estaría disposto a escoitar ofertas para mudar de equipo esta tempada.