Ismael Martínez, adestrador do BM O Porriño: "Aquí vivín un soño, sobre todo nos últimos anos, pero había que fechar esta etapa"
—Vén de anunciar que ao termo desta tempada deixará o banco do BM O Porriño. Que virá agora?
Non me vou afastar dos bancos, simplemente deixo de ser adestrador do Balonmán O Porriño. A miña intención é seguir adestrando se xorde algún proxecto de alto rendemento, pero como sei que é moi complicado teño tempo para pensar, para estar tranquilo e sobre todo para centrarme na vida familiar. Xa o ano pasado foi moi complexo renovar e foi un ano moi duro, e este ano está a selo igual ou máis; o desgaste é grande. Máis nun sitio onde levas tanto tempo e mestúrase o profesional co persoal. Xa entre decembro e principios de xaneiro llo comuniquei ao presidente e pediume algo de tempo, que se cumpriu agora, e a decisión segue a ser a mesma.
—Foi duro tomar esta decisión?
Evidentemente, é durísimo por todo o que levamos vivido aquí, cos anos que levamos con moitísimos éxitos, con moitísima toma de decisións complexas... Cando deixas un sitio que queres tanto sempre vai ser duro.
—Por que anuncialo agora e non agardar até final de tempada?
Xa había un ruxerruxe, a xente xa estaba algo preocupada pola configuración do equipo. Non o podes esconder. A miña pretensión é seguir adestrando, entón tampouco podo anunciar isto en xuño porque quedaría sen ningún tipo de opción de atopar algún proxecto. Logo, tamén é unha liberación persoal para seguir dando o mellor, porque estaba todo o tempo pensando na mesma decisión e agora que xa é pública é máis sinxelo todo. Era o momento correcto. Xa o era no parón, pero aí pedíronme algo de tempo e enténdoo, porque tamén o club necesitaba xestionar as súas cousas.
—Cales foron as razóns que motivaron a súa marcha?
Supoño que o desgaste de tantos anos. Como che dicía, o día a día dun club é difícil, pero cando queres tanto o club hai temas que levas tamén ao persoal e é aínda máis custoso. Era mellor fechar este ciclo aquí. A verdade, foi un soño, sobre todo estes últimos anos. Quen veña, que veña con forzas renovadas, con ideas novas e que intente darlle un pasiño máis a este proxecto.
—Foron perto de 20 anos vinculado ao Porriño. Será imposíbel quedar cun único momento, mais, que é o que máis destaca da súa etapa como técnico?
Sobre todo, as persoas. O que máis destaco é a xente que fomos coincidindo neste tramo tan amplo. Creo que quedo con xente que aprecio e que quero moitísimo, que me fan sentir súper querido. Se falamos a nivel deportivo hai moito onde elixir, porque tivemos unha etapa moi frutífera. Poderiamos quedar coa final europea; coa semifinal de liga, que tamén foi marabillosa... Calquera deses momentos seguramente estean ben elixidos.
—E os momentos máis complicados ao longo destes anos?
Aí tamén hai moitos. Moitos días duros na xestión e momentos moi difíciles que ao final superamos de maneira conxunta... tamén teño tras tantos anos moito onde elixir. A nivel deportivo, seguramente eses anos onde non acababamos de arrancar e nos que parecía que o equipo estaba abocado a descender. Foron moi duros.
—Deixa a porta aberta a regresar?
Por suposto. Creo que o temos claro as dúas partes, féchase un ciclo pero podería abrirse outro máis adiante, seguro. De feito, teño unha proposta do club para seguir traballando noutros ámbitos que de momento non valoro, pero chegado o momento sentaremos a falar porque é un club que quero moito e polo que traballei tanto que me custa despegarme.
—Voltaría como técnico ou desenvolvendo outras funcións?
De momento, polo menos no curto prazo, seguro que noutras funcións. Non ten sentido o que anunciamos para despois volver tan cedo, pero creo que eles saben que cando me precisen eu estarei para eles, e sinto o mesmo por parte do club. Hai un amor mutuo que, seguro, manteremos.
—Que é o que mellor caracteriza o BM O Porriño como club?
Creo que é unha familia. É un club moi familiar; ás vecess até se mestura o 'familiar' co profesional e de aí tamén xorden moitos problemas, pero ten ese toque de familia, de club moi achegado, e seguramente iso sexa o mellor que ten.
—Que mudou en todos estes anos desde a súa chegada?
É un club completamente distinto, moito máis ambicioso, seguramente con proxectos moito máis profesionais. E melloraron moito as situacións contractuais das xogadoras. Creo que se creceu enormemente e a un ritmo que dá vertixe ao mirar cara atrás.