Irmandinhos e Fillas de Breogán, campións e campioas da Liga Galega de Fútbol Gaélico
Os da Estrada conquistan o título masculino ao imporse aos tricampións do Estrela Vermalha. As coruñesas conquistan o campionato feminino por segundo ano consecutivo.
Os Irmandinhos da Estrada e as Fillas de Breogán da Coruña proclamáronse este sábado, 9 de abril, campións e campioas, respectivamente, da Liga Galega de Fútbol Gaélico. Os estradenses fanse co título após derrotar o tricampión Estrela Vermelha, de Compostela nun partido decisivo para facerse coa Liga. Ao descanso, os Irmandinhos xa se impoñían 15-8. O resultado final: Irmandinhos 03-11 (20) e Estrela Vermelha 01-13 (16).
O fútbol gaélico continúa a arraigar con forza en Galiza. En poucos anos xurdiron clubes en diferentes comarcas do país e a selección galega compite a nivel internacional en pé de igualdade con outras seleccións e cun nivel moi alto.