Histórica vitoria do Baxi Ferrol en Chequia por 59-73 ante o KP Brno
O Baxi Ferrol xa coñece o que é gañar en Europa. Esta cuarta feira derrotou na fase de grupos da Eurocup Women ao KP Brno de Chequia no Pavillón SH Vodova por 59-73. O resultado pode enganar se non se seguiu o partido que, na súa primeira parte, foi moi igualado.
As checas comezaron dominando no marcador mais as galegas aguantaron ben evitando, de inicio, perder o ritmo durante toda a primeira parte. O mesmo aconteceu na segunda, con respostas inmediatas entre ambos os dous equipos con repetidas canastras.
Co inicio do terceiro tempo, á presión das pupilas de López sumáronselle os fallos en ataque das rivais. Daquela, as checas baixaron o ritmo anotador (20 acertos no primeiro tempo, 15 no segundo e 11 no terceiro).
Unha das razóns desta situación foi unha boa defensa das galegas que conseguiron até ese momento un total de 18 capturas en aro rival.
Boa parte do mérito do Baxi estivo nas mans da irlandesa Claire Melia e de Gala Mestres que, durante todo o partido e, mesmo nos últimos minutos, consolidaron un marcador contundente de 59-73 que dá ánimos ás galegas para afrontar o seguinte compromiso en Ferrol ante o Sportiva Açores a seguinte terza feira ás 20 horas.