Guillermo Fernández Romo, novo adestrador do Racing de Ferrol até final de tempada
O ex adestrador do Cartaxena na pasada tempada xa está de camiño a Ferrol, tal e como confirmou onte o Racing. Guillermo Fernández Romo xa é oficialmente o novo adestrador da fragata verde tras a destitución de Pablo López. O madrileño chegou onte mesmo á cidade para hoxe pórse xa á fronte do equipo. Será unha sesión dobre de adestramento na que poderá tentear as ferramentas das que dispón para medirse o vindeiro sábado ás 21 horas á Ponferradina no Toralín.
Tras cinco días desde que o club anunciou a saída de Pablo López, a incerteza remata e o banco da Malata xa ten novo inquilino. O técnico ten experiencia previa na Galiza co seu paso polo Vilalonga e polo xuvenil do Real Club Celta.
O obxectivo por parte do club é claro: pelexar o retorno ao fútbol profesional conseguindo un novo ascenso a Segunda que polo de agora está a escapar. Tras tres derrotas consecutivas, no sétimo posto e co liderado do Tenerife a 14 puntos de distancia, o Racing ten por diante a misión de reporse ao mal momento e mellorar o seu rendemento nunha segunda volta que non permitirá erros se quere loitar por este obxectivo.
O madrileño é un preparador que aposta habitualmente polo sistema 4-4-2. Defensor do equilibrio, defendendo na zona media, acostuma a priorizar a amplitude por bandas. Pragmático e adaptábel aos elementos dos que dispón no seu vestiario, Fernández Romo chega ao Ferrol coa vantaxe de coñecer ben Miquel Parera e Lucas Díaz da súa etapa no Racing de Santander, co que conseguiu un ascenso irrepetíbel a Segunda, de 82 puntos, que ninguén logrou alcanzar até o momento. Levaba sen equipo desde que, ao termo do pasado curso, se despedira dun Cartaxena ao que tratou de salvar, sen éxito, desde xaneiro.
O historial do novo técnico
O novo técnico da fragata verde empezou a súa etapa de adestrador en 2006 aos mandos do xuvenil do Raio Majadahonda. En dúas décadas de traxectoria tamén foi director deportivo de varios clubs, como o Real Murcia e o Jumilla. Pero non sería até que aterrou en Santander cando empezou a medrar a súa categoría nos bancos. Alí, empezou como director do fútbol base no verán do 2018, mais cando realmente destacou foi entre 2021 e 2023, logrando un ascenso histórico. Nos seus últimos destinos non tivo tanta sorte: ao cargo do Ibiza na 2023-24 non logrou rematar a tempada e saíu do club antes de que chegasen os play-off, e o ano pasado non remontou o voo dun Cartaxena moi tocado.