O Guardés presenta batalla, pero cae na casa do líder

As guerreiras da Guarda sumaron un cómodo triunfo (Foto. Atlético Guardés).
A escuadra galega perdeu 33-24 contra o todopoderoso Bera Bera

O Mecalia Atlético Guardés deu a cara, pero non puido regresar de Donosti con nada positivo en canto a puntos. O Bera Bera superou ás xogadoras de negro e amarelo amparándose nun parcial de 6-0 mediado o primeiro tempo que permitiu ás locais tomar unha cómoda renda no marcador. Dez minutos exactos sen marcar estiveron as pupilas de José Ignacio Prades, ás que non quedou outra que ir a remolque durante toda a segunda metade. 

O caso é que non empezou mal o Guardés. Aguantando o tipo ante o líder nun intercambio de golpes que se traduciu nunha sucesión constante de goles até o 5-5. Algo pouco habitual en dous equipos que basean a súa fortaleza na fase defensiva. Corría entón o minuto 8 e aí empezou a desequilibrarse o partido.

Porque durante os seguintes dez minutos o colectivo miñoto non viu portería. Unhas veces Alice Fernandes, outras a defensa donostiarra e outras as imprecisións visitantes deixaron a cero ao Guardés durante un lapso no que o Bera Bera anotou seis goles, un parcial de 6-0 que marcou a diferenza.

A renda de media ducia de goles mantívose inalterábel. E así chegouse ao descanso (17-11). Á volta, o decorado apenas cambiou. Sandra Santiago compareceu na pista para tentar comandar a remontada, e a lateral internacional portuguesa puxo o seu gran lanzamento ao servizo do equipo acumulando varios goles consecutivos até irse a cinco. O problema é que Bera Bera respondía na outra portería e a diferenza non minguaba.

Froito desa impotencia, o conxunto  miñoto baixou un pouco o ritmo. De súpeto, non atopaba vías de auga no 6:0 azul. Así, a vantaxe foi incrementando aos poucos até chegar a ser de dez goles. Un tanto de Ángela Nieto sobre a bucina deixouna finalmente en nove (33-24) pero certificou igualmente a derrota da escuadra visitante. O Guardés acaba quinto a xornada, con todas as opcións de meterse en Europa intactas. Agora toca recuperar as forzas durante o parón de seleccións da semana que vén para regresar a San Sebastián dentro de dúas, nesta ocasión, para disputar a Copa da Raíña.