Gran Canaria e UCAM Murcia poñen a proba o nivel de Breogán e Obradoiro

Ao 'Breo' só lle vale gañar. (Foto: Liga ACB).
En xogo entrar na loita polo título e a permanencia

Como tamén acontece no fútbol e na meirande parte dos deportes colectivos, a Liga ACB apura as súas datas finais antes da parada estival, o que significa que os distintos equipos multiplican esforzos para tratar de alcanzar os seus obxectivos.

No caso do Monbus Obradoiro, este non é outro que a permanencia na máxima categoría un ano máis, que podería deixar atada cunha vitoria mañá (17 horas) na casa de UCAM Murcia. Para iso necesitaría, ademais, que Burgos, Andorra e Betis perdan os seus respectivos compromisos.

Moncho Fernández, adestrador compostelá, lembrou a malleira que sufriron a mans do Murcia na primeira volta, e manifestou o seu convencemento en que os seus pupilos aprendesen a lección: "A chave estará no balance defensivo, o 1x1 e o rebote, sen iso non faremos nada".

Con respecto ao Leite Río Breogán, a escuadra lucense ten obxectivos máis ambiciosos nestes últimos partidos da ACB. Con 14 vitorias en 30 partidos, está a só dous dos postos que a meterían no bombo do play-off polo título ligueiro, o que sería unha fazaña histórica.

Non obstante, o soño pasa por vencer -si ou si- Gran Canaria (hoxe, 13 horas), oitavo clasificado con dous triunfos máis que os da Cidade da Muralla. 

Este desafío non podería chegar en mellor momento, pois a formación insular vén de caer eliminada na Eurocup ante o Andorra, fechancancelas da ACB, o que fai medrar as esperanzas nun sorpasso galego.

O técnico do Breogán, o croata Veljko Mršić, expresou a súa intención de "deixalo todo" no Gran Canaria Arena, e puxo en valor a magnitude do cara a cara con homes do nivel de "Diop, Stevic ou Slaughter" ao mesmo tempo que se laiou das ausencias por lesión de dous dos seus mellores xogadores, Musa e Bell-Haynes.