O Goberno español "pasa" do deporte non profesional

Irene Lozano, presidenta do Consello Superior de Deportes. (Foto: Europa Press).
Irene Lozano non gaña para desgustos. Se a súa imaxe xa quedara moi tocada logo do escándalo do 'Caso Fuenlabrada', a inaptitude do Consello Superior de Deportes en relación á elaboración dun protocolo marco para as competicións non profesionais converteuna en obxecto de todas as críticas do mundo do deporte no Estado.

O deporte non profesional atópase en pé de guerra contra o Goberno de España, e concretamente contra o Consello Superior de Deportes (CSD) e a súa presidenta, Irene Lozano, pola súa renuncia a elaborar un protocolo marco para as competicións amadoras de ámbito estatal.

Logo de varias semanas de reunións con representantes das distintas Comunidades Autónomas e de máis de 60 federacións deportivas diferentes, e tan só 10 días despois de que o ministro de Deporte, Rodríguez Uribes, se comprometese á elaboración do devandito protocolo e á creación dunha plataforma de traballo conxunta entre todas as partes implicadas, o CSD sorprendeu desmarcándose cun comunicado que colleu todo o mundo do deporte co pé cambiado.

No mesmo, a entidade presidida pola ex deputada de Unión Progreso y Democracia (UPyD) tan só garantía a actividade das atletas olímpicas e paralímpicas, das 5.000 persoas distinguidas coa categoría de Deportista de Alto Nivel (DAN) que existen no conxunto do Estado e das ligas masculina e feminina de fútbol e baloncesto, deixando de lado o resto do deporte non profesional.

A explicación que achegou o Consello Superior de Deportes foi a "ausencia de consenso" arredor de varios eidos, sendo as probas de detección da enfermidade o determinante. "O CSD comprometeuse a contribuír economicamente á creación dun fondo, nutrido tamén coas achegas das Comunidades Autónomas, para sufragar esas probas, pero comprobou que as sensibilidades nese eido son distintas entre as propias autonomías e entre os deportes", indicaron.  

Para o CSD resulta "indispensábel" a realización de controis, como mínimo, antes do inicio e logo da finalización de cada competición, "con carácter aleatorio e reiterativo", algo que desde o deporte non profesional consideran "inviábel" e un calco "do que acontece no fútbol profesional" non aplicábel ao seu contexto.

O outro gran motivo de discrepancia foi a asistencia de público aos eventos. O Consello Superior de Deportes propón permitir a presenza de até 1.000 espectadores e espectadoras ao aire libre e 500 nos espazos fechados, unhas cifras máximas que "de seren superadas, poderían resultar prexudiciais á hora de deter a propagación da pandemia". 

Non obstante, neste ámbito son as Comunidades Autónomas as que teñen as competencias, sendo a galega unha das que máis en contra se manifestou ante esta medida, indicando que "aboca á desaparición da maioría de clubes non profesionais".  

A Xunta, moi crítica

Na Galiza a reacción ao comunicado do CSD non se fixo esperar, e José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte, expresou a súa "enorme decepción pola renuncia do Consello Superior de Deportes ás súas competencias, nomeadamente no que respecta á elaboración do protocolo marco para a competición non profesional de ámbito estatal".

A Xunta considera que esas competencias para a elaboración do protocolo para as competicións non profesionais non son súas, "senón do CSD, xunto ás federacións estatais", e criticou que pola súa "parálise" xa se vise "obrigada" a actuar para evitar a paralización do deporte amador.

Mais as críticas van alén da Galiza. Por exemplo, a Asociación de Futbolistas Españolas (AFE), a pesar de que desde o CSD se garantiu o regreso das competicións femininas de fútbol, expresou a súa "fonda preocupación por unha decisión que prexudica miles de futbolistas", e reclamaron do Consello Superior de Deportes o "liderado" dunhas negociacións que leven a un protocolo que "garanta a saúde de todos e todas" as deportistas e se evite a discriminación entre profesionais e non profesionais.