Galiza terá tres finalistas máis no Europeo de piragüismo

Silvia Gago este 4 de xullo. (Foto: FGP)
O piragüismo galego continúa o seu bo momento no Campionato de Europa Júnior e Sub-23 de Sprint de Pitesti (Romanía).

O piragüismo galego continúa o seu bo momento no Campionato de Europa Júnior e Sub-23 de Sprint de Pitesti (Romanía). Onte, na segunda xornada, a primeira alegría chegou no C1 500 júnior feminina, onde Silvia Gago (Náutico O Muiño de Ribadumia) se impuxo na semifinal cun tempo de 2:20.23, asegurando a súa presenza na loita polas medallas o domingo ás 8.30 horas.

Tamén logrou o seu billete directo á final A Claudia Couto (EP Cidade de Pontevedra) na eliminatoria de C1 200 sub-23 feminina, ao finalizar terceira na súa serie cun tempo de 49.056. A proba estivo encabezada por Iryna Fedoriv (Ucraína), con 47.412, seguida de Chloé Nicot (Francia), con 47.869. A final terá lugar tamén este domingo ás 08.35 horas. Ademais, en K4 500 júnior masculino Miguel Blanco (Club de Mar Ría de Aldán) con Gonzalo Selectos, Borja López e Jaime López, gañou a súa semifinal con autoridade (1:26.08). A final será tamén este domingo ás 12 horas.

No K1 200 sub-23 masculina, Manuel Pousa (Club de Mar Ría de Aldán) foi terceiro na súa serie eliminatoria cun tempo de 37.72, logrando así pasar a semifinais. O mellor tempo da proba foi para Flavio Spurio (Italia) con 36.933, seguido de Lucas Roesten (Noruega) con 37.193. A semifinal será o sábado ás 14.40 horas. 

Pedro Torrado, eliminado

O único representante galego eliminado nesta xornada foi Pedro Torrado (As Torres Romaría Viquinga de Catoira) na C1 1000 sub-23 masculina. O padexeiro finalizou sétimo na súa semifinal cun tempo de 4:21.21, nunha serie sempre dominada por Tim Bechtold (Alemaña) con 4:08.70, Arthur Scales (Dinamarca) con 4:10.15 e Peter Kizek (Eslovaquia) con 4:10.31.