Galiza vence o Senegal (1-0) no partido que reivindicou a volta da selección oficial
O campo de Santa Isabel acolleu na tarde do sábado o partido reivindicativo pola volta da selección oficial de fútbol. Fíxoo cun encontro amigábel organizado por Seareir@s Galeg@s, que logrou convocar futbolistas do combinado galego e do senegalés.
O campo de Santa Isabel acolleu o partido pola oficialidade da selección galega que, nesta ocasión, enfrontou o combinado galego co senegalés. Precisamente, este encontro tivo lugar coincidindo co décimo aniversario do retorno da Irmandiña aos campos de fútbol, o 29 de decembro de 2005 contra o Uruguai.
O partido, moi igualado, rematou con vitoria para o combinado galego pola mínima (1-0). "O de menos foi o resultado", insisten os afeccionados e afeccionadas, que acudiron a Santa Isabel, amais de para gozar do fútbol, para reivindicar a volta da Irmandiña oficial aos terreos do xogo.
Dez anos desde a volta da Irmandiña ao céspede
Após o partido do Uruguai, que ateigou o estadio de San Lázaro grazas ao traballo da Consellaría de Cultura e Deportes, da que era responsábel o BNG, o combinado galego competiu contra o Ecuador, contra Camerún e contra o Irán. En 2009, coa volta do PP á Xunta de Galiza, desapareceu dos terreos de xogo a selección galega.
O colectivo Siareir@s Galeg@s fíxolle fronte á Xunta de Galiza e desde entón organizou partidos entre futbolistas galegos e futbolistas doutros países. Deste xeito, no mesmo 2009, tras o desplante de Alberto Núñez Feijóo á Irmandiña, os Siareir@s convocaron Galiza contra o CD Paraguaio; en 2010, o partido foi contra Palestina; en 2011, contra o Sáhara; en 2012, contra o Kurdistán e en 2013, contra Occitania. A falta de apoios e a dificultade para atopar futbolistas provocaron que a plataforma de afeccionados e afeccionadas galegas non puidese organizar a cita, que si puido ser posíbel neste 2015.
Na semana pasada, a TVG anunciou que a Federación Galega de Fútbol prepara a volta da Irmandiña aos terreos de xogo o ano que vén, aínda que se descoñecen os detalles das xestións ás que aludiu á canle pública.
Ciincocentas persoas manifestáronse en Compostela
Após o encontro que enfrontou representantes de Galiza e do Senegal, os seareiros e seareiras gozarán dos concertos programados na Sala Malatesta como fin de festa desta xornada lúdico-reivindicativa. Actuarán Poetarras, Keltoi e Daikidarría.
Imaxe dentro: GZcontrainfo