A galega Ana Peleteiro loitará polas medallas no Mundial de Atletismo

Ana Peleteiro, finalista do Mundial de Atletismo. Foto: Arquivo
Nunha fase de clasificación marcada pola igualdade, Ana Peleteiro logrou un salto de 14,23 metros que foi abondo para meterse nunha final que terá lugar ás 19:35 horas galegas do sábado 5 de outubro e poderá verse por televisión ou na pantalla xigante que instalarán na praza do Concello de Ribeira.

A galega Ana Peleteiro, vixente campioa de Europa, clasificouse para a final do Mundial de Atletismo de Doha na categoría de triplo salto. Unha marca de 14,23 no seu segundo intento foi suficiente para conseguilo, acadando a terceira posición dun Grupo B encabezado pola gran favorita, a venezolana Yulimar Rojas, que está adestrada por Iván Pedroso, lenda da disciplina. Por outra banda, o grupo A foi encabezado pola campioa olímpica, Caterine Ibargüen, de Colombia, que saltou 14,32 metros.

O concurso polas medallas do triplo feminino disputarase o sábado ás 20.35 horas de Doha (19.35 en Galiza) e ademais de en televisión poderá ser visionada nunha pantalla xigante que instalarán na praza do Concello en Ribeira.