A Fiscalía pide anular o xuízo a Rubiales e que se celebre outro cun maxistrado "non viciado de parcialidade"

Rubiales, comparecendo ante os medios. (Foto: Europa Press).
Considera que o xuíz non admitiu debidamente nin a proba nin as preguntas solicitadas pola Fiscalía.

A Fiscalía da Audiencia Nacional pediu esta quinta feira que se anule o xuízo contra o que foi presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) Luis Rubiales –condenado a 18 meses de multa por agresión sexual– e que se celebre outro cun maxistrado "non viciado, canto menos, de aparencia de parcialidade".

No seu recurso, recollido por Europa Press, a fiscal Marta Durántez pide á Sala do Penal que declare a "nulidade da sentenza por indefensión e arbitrariedade", instando a que se dite unha nova no que se valoren "todos os medios de proba admitidos e practicados".

Foi o pasado mes de febreiro cando o xuíz José Manuel Fernández Prieto condenou a Rubiales por un delito de agresión sexual. Con todo, absolveuno a el e ao ex director da Selección española Albert Luque, ao ex seleccionador feminino Jorge Vilda e o ex responsábel de Marketing da Federación Rubén Rivera, do delito de coaccións.

No seu recurso, a Fiscalía sostén que "o xulgador mostrou ao longo da vista un comportamento que compromete, canto menos, a aparencia de imparcialidade". "O maxistrado non garantiu que o xuízo se desenvolvese nas mellores condicións comunicativas, cun sinal de serenidade e equilibrio que fosen necesarias", denuncia.

Segundo o Ministerio Público, "ao longo das nove xornadas que durou a vista oral utilizouse de forma reiterada un ton irrespectuoso coas acusacións e en concreto coa fiscal, facendo imposíbel o desenvolvemento da súa función como acusación pública, función que constitucionalmente ten encomendada, en defensa da legalidade".

"Risas e espaventos"

Ademais, critica a "permisión constante" por parte do maxistrado "dunha actitude por parte das defensas e os acusados de continua conversa entre uns e outros, ademais de risas e espaventos varios, que fixo en numerosas ocasións insoportábel o interrogatorio polas acusacións das testemuñas, incluído o da propia vítima", a futbolista Jennifer Hermoso.

A fiscal sostén que "tivo que soportar estoicamente ante a falta de apercibimento respecto diso do xulgador manifestacións por parte das defensas de Vilda e de Rivera que exceden, de xeito evidente, o dereito de defensa". "Tales como atribuír ás acusacións a utilización dun dereito penal de autor propio da Alemaña nazi e do Código penal do franquismo por parte do primeiro e, por parte do segundo, a dunha crítica máis aló do que implica o dereito de defensa", explica.

Un "feito inédito"

"Como colofón", apostila a fiscal, "ao finalizar o xuízo e cando xa concluíra a grabación, os alí presentes" foron testemuñas "dun feito inédito nunca visto nos 26 anos de traxectoria profesional" da propia Durántez "e que causou estupefacción polo menos ás acusacións". "Os acusados dirixíronse a saudar o xulgador dándolle a man", apunta.

O Ministerio Público pide a nulidade do xuízo por vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva por inadmisión indebida da proba documental na vista oral e "por privar" a Fiscalía "de formular preguntas procedentes a varias testemuñas", como ao seleccionador masculino, Luis de la Fuente, ou á técnica da selección feminina, Montse Tomé.

A fiscal, ademais, invoca a nulidade por infracción de normas e garantías procesuais ao criticar que o maxistrado "non fai mención algunha na sentenza a varias cuestións fundamentais sobre as que se practicou proba no acto do xuízo, coma se tales probas non existisen".

Unha das mesmas é, segundo a Fiscalía, o informe de integridade da RFEF. A segunda cuestión non tida en conta é a "reunión que tivo lugar no despacho do presidente da RFEF o día 23 de agosto de 2025", no que se elaborou ese informe, e no que unha das testemuñas denunciou sufrir "unha encerrona".

Neste contexto, a fiscal fai fincapé en que o maxistrado "non fai mención algunha" ao audio de voz que a vítima, Jennifer Hermoso, "enviou a unha persoa da RFEF durante a súa estancia en Eivissa onde solicitaba a esta que cesasen as coaccións que sobre ela seguían exercendo os acusados".

Por último, lamenta que o xuíz non valorase a declaración da seleccionadora feminina de fútbol. "Descoñecemos a valoración que fai o xulgador dos motivos aducidos pola testemuña do porqué non convocou á xogadora tras os feitos acontecidos na imposición de medallas no Mundial", apunta.

Condena por coaccións

No seu recurso, e para esa nova vista oral, a fiscal tamén solicita que "se declare a indebida inaplicación do tipo penal" da agresión sexual, "se revogue a sentenza, encadrando os feitos no citado precepto e se impoña a pena dun ano de prisión" a Rubiales.

Neste sentido, tamén pide que se condene os acusados polo delito de coaccións asegurando que a actividade "levada a cabo" polos mesmos "levou a que a vítima vivise unha situación de fustrigación, que impediu o desenvolvemento da súa vida en paz, tranquilidade e libremente e gozar e celebrar o triunfo conseguido pola vitoria no Mundial".

"As consecuencias que no estado de ánimo da vítima tiveron as condutas declaradas como probadas, que, ante a aparencia para o xulgador de inocuidade, xeraron nesta unha situación de ansiedade, estrés e tristeza que se prolongou varios meses", aduce a Fiscalía.

E é que, segundo Durántez, Rubiales "en por si e en conivencia co resto dos acusados comezaron a exercer actos constantes e reiterados de presión sobre a vítima, a súa familia e amizades coa finalidade de que, publicamente, xustificase e aprobase o bico que contra a súa vontade lle deu" o que foi presidente da RFEF.