A filla do falecido na agresión do partido de balonmán de Sanxenxo: "Non me vale ningún perdón"
A filla do home falecido pola agresión nun partido de balonmán de base o 15 de decembro de 2024 en Sanxenxo (O Salnés) vén de publicar nas súas redes sociais unha carta aberta dirixida ao seu pai e ao agresor, ao que se refire claramente cun "non me vale ningún perdón". "A min non me vale con ningún perdón, con ningunha terapia nin conto coa xustiza, nada diso vale porque nunca poderei recuperar o que perdín, o que nos quitaches", afirma.
"Dáme igual todo o que pretendas argumentar... fixéchelo e punto, quitáchesnos o que máis queriamos", continúa. Esta mesma segunda feira sóubose que o Xulgado número 2 de Cambados investiga por homicidio imprudente o presunto agresor, após confirmarse o falecemento da vítima.
Segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) consultadas por Europa Press, a xuíza modificou o delito polo que se investiga a este home, xa que até esta mesma mañá incoara un procedemento por un delito de lesións. Agora o xulgado investigarao por homicidio imprudente, polo que xa foi chamado a declarar coa nova cualificación —previsibelmente acudirá nos próximos días—.
Todo iso despois de que na madrugada desta segunda feira falecese o espectador agredido nun partido de balonmán de categoría cadete o pasado 15 de decembro, Andrés Rico, o avó do rapaz que estaba arbitrando o encontro e cara ao que se dirixirían varias ofensas, após ficar máis de dous meses hospitalizado e non poder superar as lesións sufridas. Sufriu unha caída ao ser empurrado polo pai dunha xogadora que participaba no partido.
"Impotencia e indignación"
A Federación Galega de Balonmán publicou unha carta na que traslada a súa "impotencia e indignación" e lamenta non ser capaz de "impedir o fatídico suceso". "Perdón por chegar tarde, perdón por non avisar e por non ser capaces de transmitir de maneira eficiente que sen respecto nada disto ten sentido", sinala a carta, que tamén pide desculpas por "non lograr que quen lexisla e regula, polo menos intúa que o que hai non abonda".
"Perdón polo despropósito de quen provocou a túa partida aínda teña máis que dicir e siga facendo vida normal, perdón por todas esas persoas que non ven o problema porque non lle tocou de perto, perdón por non ser capaces de impedir a túa viaxe", apunta o texto.
A misiva tamén dá as "grazas" por permitir coñecer á "estupenda e unida" familia do falecido e ser "un exemplo" para promover o que "o balonmán debería sementar". "Grazas por estar aí, Andrés, grazas porque sabemos que, aínda que non te vexamos nos nosos pavillóns, sempre estarás connosco", finaliza a carta, que traslada a súa pesar á familia de parte de todo o balomnano galego.
Tres días de loito
Ante esta situación, o Concello do Grove (O Salnés), de onde era orixinario, decretou tres días de loito oficial polo falecemento de Andrés. En redes sociais, o Goberno local lamentou "profundamente" a noticia, trasladando as condolencias aos seus familiares e amigos. Ademais, condenou "calquera acto de violencia" no deporte e reivindicou o seu compromiso de colaborar coas autoridades competentes "para que se faga xustiza".
"Desexamos que estes feitos sirvan para reforzar os valores de respecto e convivencia, tanto dentro como fóra das canchas. A unión de todos é fundamental para evitar que traxedias como esta volvan repetirse", sentenciaron desde o Concello.