Líder e cun futuro brillante: as chaves do éxito do Fabril de Manuel Pablo

Os futbolistas do Fabril celebrando un gol. (Foto: RC Deportivo)
Pensar nun Deportivo loitando por volver a Primeira División e co Fabril na Primeira Federación hai anos era só un soño, mais hoxe é xa unha realidade. Os pupilos de Manuel Pablo lideran a Segunda Federación desde Abegondo cun fútbol valente e creativo que recupera a mellor esencia da canteira deportivista. 

O fútbol é un deporte que non espera por ninguén, cunha memoria tan curta que fai esquecer grandes temporadas coa velocidade dun raio e, nese espazo, o Fabril de Manuel Pablo está a demostrar unha capacidade de adaptación fóra do común. O domingo volveu gañar —ao Lealtad Villaviciosa, por 3 a 1— para afianzarse no liderado do seu grupo da Segunda Federación, no que avantaxa en catro puntos o seu inmediato perseguidor, o filial do Oviedo.

Tras a promoción de Gilsanz o pasado ano cara ao primeiro equipo, moitas eran as voces que dubidaban sobre unha posíbel perda do rumbo dun filial que sempre mostrou os seus valores. Nada máis lonxe da realidade, o lendario lateral canario, agora desde a banda, soubo inxectar unha dose extra de competitividade e oficio a unha xeración que xa viña pedindo paso con forza. Este novo Fabril é froito dunha transición modélica que mantén o equipo como líder na Segunda Federación.

A chegada de Manuel Pablo ao banco de Abegondo foi toda unha declaración de intencións. O técnico impuxo un estilo que mestura a perfección un gran rigor táctico e defensivo, propio da súa etapa como xogador, coa electricidade propia da mocidade, xerando un equilibrio case imbatíbel. O actual Fabril sabe ler os partidos, cando presionar arriba o rival pero tamén esperar agochados para matar con transicións letais.

Outra gran parte do segredo desta gran tempada reside na xestión do vestiario. O adestrador, como gran xogador que foi, fala na mesma linguaxe que os seus pupilos, e sabe transmitir calma nos momentos débiles e manter a esixencia cando as cousas van ben, o que se traduce nun grupo que xoga cada partido como se dunha final se tratase logrando unha regularidade que os ten instalados na primeira praza.

Pero non só no banco reside o éxito deste Fabril. Falar da canteira deportivista é tamén facelo de grandes individualidades que traballan ao servizo dese colectivo. No centro da defensa a xerarquía de rapaces que xa parecen veteranos, coa súa gran saída de balón, está a ser chave para manter a portaría a cero, o que é unha das fórmulas do éxito. Neste apartado aparecen nomes como Samu Fernández, quen xa ten debutado co primeiro equipo, ou Aarón Sánchez.

No centro do campo o talento chama á porta, cun criterio de veteranos para distribuír o balón cara aos extremos foron quen de converter o Fabril nun dos equipos máis vistoso da categoría. A canteira branquiazul está a construír os xogadores do futuro, deses que se atreven no un contra un e aos que non lles treme o pulso ante escenarios impoñentes. Xogadores como Nájera ou Noé Carrillo, quen marcou o gol da vitoria ante o Mallorca na Copa, están a confirmarse como grandes nomes este ano mentres chaman á porta de Riazor con moita forza.

Pero o fútbol é un deporte no que todo se esquece con moita velocidade se os goles non chegan á portaría rival, e nese canto o Fabril está a demostrar de que está feito. É o segundo equipo máis goleador do seu grupo con 43 dianas, tan só un tanto por detrás do Raio Cantabria. Esa efectividade de cara á porta poderíase dicir que é o motor que move o líder. Bil Nsongo, con 12 goles en 20 partidos, é a gran mostra diso, e tamén da cultura de canteira do club. A súa irrupción no filial nesta tempada serviulle para converterse xa nun fixo nos plans de Hidalgo no primeiro equipo, co que suma xa dous tantos en 231 minutos xogados.

Mais non só nos dianteiros reside a tarefa do gol, até sete xogadores da segunda liña foron capaces de ver portaría unha ou máis veces, destacando Nájera con 12 dianas en 27 partidos, desenvolvendo un gran papel na mellor tempada no club do de Logroño.

Unha porta aberta a Riazor

Esta gran tempada do Fabril está a ter un impacto directo no primeiro equipo. Manuel Pablo está a actuar como a ponte perfecta entre os campos de Abegondo e o estadio de Riazor. A filosofía foi e é clara: o segundo equipo ten que ser un subministro constante de talento para o Deportivo. A irrupción en tempadas pasadas de xogadores como Yeremay, Mella ou Dani Barcia, hoxe en día figuras destacadas no primeiro equipo, son os espellos nos que todos os rapaces da canteira deben mirarse.

O liderado non é só un éxito numérico que se traduce nun trofeo de campión, é a validación dun modelo dun club que volveu mirar con forza cara á súa base. Os seareiros son conscientes diso, o cal se ve nas bancadas de Abegondo, que volveron encherse grazas ao bo facer do filial e ao seu gran xogo. Este Fabril está a asinar unha tempada histórica. A fórmula de Manuel Pablo funciona porque respecta o talento natural mesturándoo coa experiencia de quen sabe o que custa chegar á cima. Neste caso, só eles e o seu traballo porán os límites na súa carreira que, de momento, apunta a un regreso á categoría de bronce, onde non están desde a campaña 2018/19.

O ascenso sería a consecuencia dun traballo impecábel dunha filosofía de club que se transmite desde os benxamíns até o primeiro equipo. O futuro do Dépor escríbese con nomes propios, en cada adestramento e en cada partido deste filial que o ten todo para converterse no orgullo de toda a cidade da Coruña.

Historia e seriedade, a receita de Manuel Pablo

A figura de Manuel Pablo como adestrador do Fabril supón moito máis que unha simple dirección técnica. A aposta polo ex xogador canario representa a continuidade dunha lenda do club que coñece até o último recuncho do Deportivo e que sabe perfectamente o que hai que ter para triunfar no primeiro equipo. O seu ascenso desde o xuvenil até o Fabril foi natural e merecido, o que se mostra cada fin de semana cun fútbol sólido e que namora a todo o que o vive.

A súa idea de fútbol é a continuidade da súa exitosa traxectoria como futbolista, mesturando a proximidade e a esixencia profesional cos seus pupilos. O ex lateral canario pon especial fincapé naquilo que o fixo triunfar na elite do fútbol: os detalles defensivos, a colocación sobre o verde e a toma de decisións baixo presión. Estes factores acompañados da súa etapa como deportista fan del un bo espello no que todos os mozos de Abegondo poden mirarse, e que o converten no referente perfecto ao que escoitar.

Todo isto faise notar na madurez dun grupo que compite con equipos que se poden catalogar de históricos. O seu equipo mantén a intensidade durante os noventa minutos, unha característica que vén ao cen por cen calcada desde a banda.