Seguridade expulsa de Balaídos un seareiro por considerar “exaltación do terrorismo” unha bufanda de Celtarras

Bufanda antiga de Celtarras

“Tratáronme coma un delincuente”, afirma o afeccionado, cunha antigüidade de abonado de 35 anos, en declaracións ao Faro de Vigo.

Un seareiro do Celta foi expulsado esta cuarta feira de Balaídos pola seguriddade do estadio, que considerou que exhibir unha bufanda da peña 'Celtarras' é “exaltación do terrorismo”. Así o denuncia o propio afeccionado en declaracións ao Faro de Vigo, relatando como o que comezou co tradicional acto en Balaídos ao inicio do partido de erguer as bufandas para cantar o himno, 'afouteza e corazón”, rematou con vixiantes de seguridade e policías ensarillados con seareiros.

Segundo relata no xornal vigués, cando estaba a cantar o himno en Río Baixo un vixiante fíxolle sinais para que abandonase o seu sitio e se achegase a el, ao que este seareiro se negou. Entón esta persoa de seguridade achégase a José, nome do afeccionado, e requírelle a bufanda. “Está prohibida”, dille, “é exaltación do terrorismo”, segundo a versión do seareiro. José non lle entrega a prenda e insiste en que non comete delito nin falta algunha. O vixiante cólleo do brazo e entón varios seareiros chámanlle a atención. Acoden máis vixiantes e policías e acaban levando ao seareiro celtista para expulsalo do estadio. A bufanda de Celtarras, orixe do suceso, é unha de deseño antiguo, con moitos anos de antigüidade.

Diversas peñas relataron nas redes sociais as dificultades que tiveron coa seguridade privada de Balaídos a raíz de levar a bandeira galega nacionalista. Non é a primeira vez que se producen estas queixas, criticando a actitude do clube de seguimento da denominada “doutrina Tebas”, nome do presidente da LFP.