Entrevista

Enrique Vázquez, culturista: "Sabía que podía obter un bo resultado, é un gran logro estar no Mundial"

Enrique Vázquez Cruz. (Foto: Nós Diario)
Enrique Vázquez Cruz (A Coruña, 2002), vén de clasificarse para o Mundial de culturismo natural, que se disputará en Los Ángeles. O coruñés, que viviu parte da súa vida en Lugo e que agora reside en Vigo, logrou o pase para os Estados Unidos ao concluír terceiro no VII Open Internacional Championship de Alemaña.

—Como comezou o seu interese polo  culturismo?
Empecei hai xa uns oito anos. Sempre me gustou moito o tema da musculatura e a temática da alimentación e saúde. Mais foi hai uns dous anos cando considerei que tiña nivel e dixéronme de probar, así que decidín dar o paso porque consideraba que a nivel profesional podía ser ambicioso.

—Que o motivou a competir?
Falei con moita xente e todos dixéronme que a experiencia era incríbel. A verdade é que agora que o vivín podo corroborar que a experiencia é bastante gratificante. Sobre todo porque coñeces moita xente e aprendes un montón. A principal motivación foi pórme un límite e ver se podía superalo para comprobar até onde podía chegar.

—E por que elixiu como disciplina o culturismo natural?
Porque non teño intención de empregar substancias, sobre todo polo tema da saúde. Considero que o culturismo natural require moito esforzo, mais pode chegarse a un nivel extraordinario sen necesidade de empregar substancias.

—Como se sente ao lograr clasificarse aos 23 anos para o Mundial de culturismo natural?
Aínda o estou a procesar e sigo con ganas de dalo todo. Dígoo como se fose pouca cousa, pero estar no Mundial considéroo algo bastante complicado. Hai un mes debutei con xente da miña idade, incluso maior, que ás veces nin sequera logra pasar ao estatal. Se mo dixeran hai un ou dous anos, cando comecei a preparación, quizais non o crería. Si que esperaba ter bo nivel, xa que desde hai anos teño un círculo próximo bastante profesional. Sabía que podía lograr un bo resultado, pero non tiña claro poder chegar ao mundial. É un gran logro.

—Este nivel esixe moito. A súa rutina diaria é moi estrita?
Bastante, a verdade. Actualmente teño que facer un mínimo de pasos ao día, sen falta. Teño que consumir gran cantidade de auga, normalmente uns seis litros ao día como mínimo, polo menos nesta etapa competitiva. E logo está á restrición da comida e que non podo faltar aos adestramentos nin cambialos de día: os días de adestramento e de descanso teñen o seu propio significado e son importantes para a recuperación do corpo e da musculatura.

—Se lle puidera dar un consello ao Enrique neno e a aquelas persoas que queren comezar no culturismo, que lles diría?
Ao Enrique neno diríalle que tire para diante porque non perde nada por intentalo. Vale máis o esforzo de tentalo que o arrepentimento de pensar o que pasaría. Ás persoas interesadas nesta disciplina, diríalles sobre todo que teñan moita paciencia e que non ansíen o resultado, senón que desfruten do proceso. É un deporte de moito tempo e moito sacrificio. E se algunha persoa precisa de asesoramento ou consello, pode contactarme sen ningún problema por Instagram, estarei encantado de axudar.