A elite europea do ciclocrós cítase na 'Illa das Esculturas' para ofrecer o mellor espectáculo
Pontevedra deu esta sexta feira a benvida a novembro sobre dúas rodas, subida ás bicicletas do Campionato de Europa de Ciclocrós que acolle a cidade durante toda a fin de semana. Esta é a primeira sede de todo o Estado español desta competición continental, que consta dun percorrido, o circuíto da Illa das Esculturas —á beira do río Lérez—, de 3.350 metros. Pontevedra xa fora a sede dos campionatos estatais de 2019 e 2020 e sitúase como un emprazamento chave para o incremento de participantes e persoas afeccionadas a esta disciplina. O Campionato Europeo promete agora atraer unha grande afluencia de público, tanto local como de toda Europa.
Nesta ocasión, o trazado, que transcorrerá en sentido contrario ás agullas do reloxo, inclúe tramos rápidos, costas cunha inclinación de 20%, un banco de area, tablóns e tres pontes que suman complexidade, pondo así a proba as e os ciclistas e ofrecendo un grande espectáculo.
As previsións meteorolóxicas non auguran choivas, o que evita o risco derivado da humidade neste terreo, unha dificultade engadida para as deportistas. O evento pode seguirse a través de diferentes canles televisivas, e a canle de YouTube da Federación Galega de Ciclismo emitiu esta sexta feira as probas máster, hoxe o Team Relay e mañá as probas junior. Pontevedreses, pontevedresas e visitantes poderán seguir o evento gratuitamente nas rúas da cidade e tamén grazas ás pantallas que se porán ó longo do percorrido das probas.
Lorena Patiño pedalea na casa
Lorena Patiño Villanueva, ciclista marinense de 17 anos, forma parte do equipo Escola Irene Trabazo XSM Club Ciclista. Comezou neste deporte seguindo os pasos de seu pai e, aínda que practicou outros deportes, decantouse polo ciclismo, especialmente na modalidade de ciclocrós, cuxa particularidade é ter un tempo de competición menor, polo que é tamén unha disciplina que destaca pola rapidez.
As rutinas de adestramento son intensas e varían semana a semana. “Teño dous días na tempada de ciclocrós nos que me dedico especificamente á técnica desta disciplina, pero o resto de días realizo adestramento en estrada. Non sempre é a mesma intensidade… mesmo o clima afecta enormemente”, explica Patiño en conversa con Nós Diario. “Faime moita ilusión participar nesta proba de ciclocrós. É a primeira vez que se fai un Campionato Europeo no Estado e, ademais, en Pontevedra. Confío en que os nervios non me afecten; a verdade é que adoito controlalos bastante ben”, afirma.
“Para min, e penso que para toda Pontevedra e Galiza, é un orgullo organizar este campionato aquí. Ter o apoio da miña familia e amigos é importante”, valora Patiño, quen competirá o domingo co público a favor. “Teño boas sensacións. Estou en época de exames, pero penso que chego ben. Nas últimas competicións, despois de acadar o décimo posto no Campionato Mundial de XCO —distancia olímpica—, gañei en tres probas de ciclocrós”, comenta a marinense, cuxa traxectoria ilusiona, como non podía ser doutra maneira, nunha deportista tan nova, nada en 2007.
“Polo que vin do circuíto, penso que non se adapta de todo ás condicións nas que eu compito mellor. Ten bastantes tramos planos. Din que mudaron un pouco o trazado para facelo máis duro, pero vai ser unha competición na que predomine moito a velocidade”, analiza.
Presente e futuro do ciclismo galego
Para a ciclista marinense os grandes favoritos e favoritas nesta competición son as deportistas da selección francesa, con moita experiencia en Campionatos do Mundo. Mais Patiño confía nas súas posibilidades e nas do seu equipo para gañar. Hai apenas unha semana que Lorena Patiño recibía a chamada do seleccionador estatal para contar con ela para esta proba. Mais esta non é a primeira experiencia deste tipo para Patiño, que xa participou no verán de 2023 nos Xogos Europeos decorridos en Máribor (Eslovenia) despois de recibir a chamada por parte do Comité Olímpico Español. Tamén o ano pasado concentrouse por primeira vez coa selección estatal para o Europeo de Ciclocrós que decorreu en Pontchâteau, Francia.
“Non estamos nin moi ben nin moi mal”, responde Patiño á pregunta de como é a situación do ciclismo na Galiza. “É certo que hai un tempo a situación era moito mellor, con mellores corredores. Mais agora eu penso que temos moita mellora e hai que valorar que agora somos moitas máis mulleres, aínda que me gustaría que se incrementase moito máis a presenza feminina, especialmente desde as idades máis temperás, xa que aínda hoxe, se comparamos entre o número de homes e mulleres… a diferenza é abismal. A min gustaríame que se animasen máis mulleres e dende máis novas a participar neste deporte na Galiza”, indica Patiño.
A día de hoxe, destaca “as figuras de Álex García no ciclismo de montaña, Alejandra Neira en ciclismo de estrada”. “Pero ogallá non tivésemos que falar de casos case ‘illados’ porque houbese moitos e moitas deportistas de enorme nivel”, declara Lorena Patiño, quen, sen dúbida, é outro dos nomes e rostros recoñecidos do ciclismo galego do presente e, sobre todo, cun gran futuro.
O evento arranca con grande emoción e outorga os novos títulos 'máster'
A primeira xornada do Campionato de Europa estivo reservada esta sexta feira para as categorías 'máster', que ofreceron un espectáculo total ao público pontevedrés. Non defraudou ningunha das catro mangas, con varios enfrontamentos que deixaron emoción até o final e que non se definiron até a derradeira volta. En máster 35-39 impuxéronse a francesa Emilie Petithory e o vasco Iñaki Carro; en máster 40-44, a estoniana Sille Puhu e o francés Valentin Cosnier; en máster 45-49, a vallisoletana Felisa Ares e o cántabro Isaac Suárez; en máster 50-54, a francesa Maryline Vassal e o catalán Jordi Reñé; en máster 55-59, a abulense Teresa Infante e o catalán Joan Antoni Asensio; en máster 60-64, a luxemburguesa Suzie Goddart e o galego Marcial Rodríguez; en máster 65-69, o neerlandés Peter Meerburg e a sueca Carina Börjesson; en máster 70-74, o asturiano Juan Mariano Bárcena e a francesa Christine Dufond; en máster 75-79, outro galego, o estradense José Simaes, e finalmente, en máster 80+, o británico Victor Barnett, o participante máis veterano de todo o Campionato de Europa.
Nas cerimonias protocolarias de entrega de premios estiveron presentes Enrico della Casa, presidente da Unión Europea de Ciclismo (UEC); Delmino Pereira, presidente da Federación Portuguesa de Ciclismo e vicepresidente da UEC; Alfonso Villares, conselleiro do Mar da Xunta da Galiza; Anabel Gulías, concelleira de Deportes do Concello de Pontevedra, e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación de Ciclismo Galego.