Do Olympique de Marsella ao Genk: o historial do Celta nos cuartos da Europa League
O Celta volverá disputar uns cuartos de final da UEFA Europa League. Desta volta o rival será o Friburgo, co partido de ida en terras alemás o 9 de abril ás 21 horas e o de volta, o día 16 ás 18.45h en Balaídos. En caso de pasar de rolda, nas semifinais tamén se disputaría o segundo e definitivo partido en Vigo.
A última vez que os celestes disputaron esta eliminatoria foi na tempada 2016-17 ante o Genk belga —precisamente, o rival ao que derrotou desta volta o Friburgo en oitavos, cun marcador global de 5 a 2—. Daquel equipo só quedan o incombustíbel Iago Aspas e un Iván Villar que nese momento tiña aínda ficha do filial, pero que se converteu no recambio natural de Sergio Álvarez —se ben non chegou a debutar naquela Europa League— tras a lesión de Rubén Blanco.
O partido de ida, cunha maxistral actuación dos futbolistas que naquela altura dirixía Eduardo Berizzo, resolveuse cun 3 a 2 a favor dos locais. Boëtius adiantou ao Genk no minuto 10, mais Pione Sisto, Iago Aspas e John Guidetti, a tripleta habitual daquel Celta, deron a volta ao marcador antes do descanso. Xa no segundo tempo, un tanto de Thomas Buffel daba algo de esperanza aos seus para o encontro en Bélxica (3-2). Alí, Sisto adiantou o Celta e o empate minutos despois de Leandro Trossard (1-1) foi insuficiente para remontar a eliminatoria.
Aquela era a primeira vez que os celestes accedían a unhas semifinais da competición continental, que disputarían ante o Manchester United en maio —o resto xa é historia—. Previamente, porén, xa alcanzaran os cuartos de final da Europa League, que daquela tiña a denominación de Copa da UEFA, noutras tres ocasións.
A primeira delas foi na súa segunda participación europea, no curso 1998-99 e con Víctor Fernández aos mandos do 'EuroCelta'. Entón non había fase de grupos e toda a competición consistía en roldas eliminatorias a ida e volta. E tras derrotar o Argeş Piteşti romanés, o Aston Villa —grande o inimigo a bater na actual Europa League— e mais o Liverpool, deixando para o recordo algunhas das noites máis máxicas na historia celeste, cun balance total de nada menos que 15 goles a favor e só 3 en contra, en cuartos agardaba o Olympique de Marsella.
No partido de ida, en Francia, dous tantos dun Florian Maurice que anos despois acabaría vestindo a celeste, fronte a un gol de Aleksandr Mostovoi para o Celta deron vantaxe ao Olympique de cara ao partido de volta (2-1). Porén, o encontro en Balaídos acabou sen goles (0-0), privando así os de Víctor Fernández da súa primeira semifinal continental.
Mais o 'EuroCelta' volveuno intentar na tempada seguinte e, logo de dobregar nas roldas previas o Lausanne suízo, o Aris Salónica grego, o Benfica —con aquel inesquecíbel 7-0 en Balaídos— e mais a Juventus —cun 4-0 igual de memorábel na volta en Vigo que servía para remontar o 1-0 adverso da ida—, o rival en cuartos era outro equipo francés, o RC Lens.
E malia que se inverteu a orde dos partidos, coa ida na Galiza e a volta en Francia, o resultado final foi o mesmo: 0-0 na ida e 2-1 na volta, nun partido no que Haim Revivo comezou adiantando os celestes, superados despois polos goles de Ismaël —de penalti— e Nouma.
Porén, aquel 'EuroCelta' facía honor ao seu nome e por teceiro curso consecutivo, no 2000-01, alcanzou a rolda de cuartos de final. E, tras vencer o Rijeka, o Estrela Vermella, o Shakhtar Donetsk e mais o Stuttgart, foi a vez que máis perto estivo de chegar ás semifinais. Mais non foi posíbel.
O rival a bater era o Barcelona de Cocu, Guardiola e Kluivert, que anotou dous goles no partido de ida no Camp Nou, nun choque marcado pola temperá expulsión de Vagner, para dar aos blaugranas unha renda que recortou no segundo tempo Pablo Coira para, a pesar da inferioridade numérica, pór o 2-1 definitivo. E na volta adiantáronse os cataláns cun gol de Rivaldo ao que reaccionou cedo Catanha para pór as táboas de novo, mais antes do descanso o brasileiro anotaba o segundo. Gustavo López, desde os 11 metros, puxo o 2-2 no marcador a falta de media hora para o final. Pero o gol que avantaxou o Celta non chegou até o 90, da man de Mostovoi, e como daquela, a diferenza de hoxe, si importaba o 'valor dobre' dos goles fóra da casa, aquel 3-2 en favor do Celta de nada servía fronte ao 2-1 en contra da ida, polo que os celestes tiñan que facer as maletas.