Dez minutos para a esperanza

Kevin Vázquez debutou co Celta en Primeira División.

A Real Sociedade inaugura o marcador de vitorias en casa fronte a un Celta que só creou perigo na recta final do partido.

Estreábase Miguel Cardoso no banco do Celta mais iso non trouxo unha vitoria. Os celestes volveron recuncar en erros de vello e asinaron un encontro, por dicilo amabelmente, frouxo e cativo. O espertar na recta final dá marxe para a esperenza, de ser esa a liña que vaia predominar de agora en diante.

 

A Real Sociedade logrou a súa primeira vitoria en Anoeta no que vai de tempada (2-1). Apostaron os ‘giputxis’ por unha presión alta para acurralar un Celta que mantén a aposta en sacar a bola xogada desde atrás. A Erreala tivo a súa primeira oportunidade nas botas de Januzaj, que estrelou a pelota no pao. Pouco despois Aspas tivo a oportunidade de adiantar o Celta ao ficar so perante Moya, mais esvarou cando ía tirar.

 

Cando se entraba na fase final da primeira metade adiantábase a Real, que ampliaba distancias cun segundo gol ao pouco de iniciar a segunda. Foron os mellores momentos da Real, que a piques estivo de meter o terceiro gol.

 

Porén, non foi quen de facelo e entón o Celta tomou o control do partido. Maxi Gómez (que comezara o partido no banco) recurtou distancias e os celestes entón foron a por todas, vivindo os donostiarras momentos de agobio. Non foi abondo e o Celta acabou cunha nova derrota, a primeira da era Cardoso.

 

No lado positivo da balanza, o debut dun novo canteirán coa equipa en primeira división: Kevin Vázquez. O lateral completou todo o partido que os celestes xogaron ante a Real Sociedade e participou no gol anotado por Maxi Gómez.

 

Ficha técnica

R Sociedad (2): Moyá; Zaldua (Gorosabel, min.86), Héctor Moreno, Llorente, Theo; Zubeldia, Zurutuza (Sandro, min.78), Oyarzabal, Juanmi, Januzaj (Merino, min.63) e WilliaM.

RC Celta (1): Sergio; Kevin, David Costas, Araujo, Juncá; Brais, Okay (Sisto, min.86), Jozabed; Hjulsager, (Boufal, min.59) Aspas e Emre Mor (Maxi Gómez, min.46).

Goles: 1-0, 36: Oyarzabal; 2-0, min.47: Sergio; 2-1, min.83: Maxi Gómez.

Árbitro: Melero López, do comité andaluz. Amoestou Juncá, Maxi Gómez, Sandro, Oyarzabal