O Deportivo xoga unha 'final' na loita polo ascenso en Almería

Último adestramento do Dépor antes de visitar ao Almería, antonte. (Foto: RC Deportivo).
O Deportivo da Coruña xoga un partido crucial este sábado fronte o Almería lonxe de casa, coa búsqueda de sair da mala racha

O Deportivo da Coruña mídese este sábado ao Almería (21  horas) nun partido marcado pola boa impresión que deu o equipo na eliminatoria da Copa do Rei fronte ao Atlético de Madrid e pola necesidade de sumar tres puntos se quere deixar atrás a mala xeira de resultados e volver ollar cara á parte máis alta da táboa.Tras o partido de Copa o Deportivo volve á liga e visita o Estadio dos Xogos do Mediterráneo, en Almería.

Unha visita moi complicada palas necesidades urxentes de gañar do conxunto coruñés, froito dos últimos resultados en liga, xa que non gañou ningún dos seus últimos encontros, con dous empates e tres derrotas –contra o Castellón, o Andorra e a Real Sociedade B–. Son apenas dous puntos dos últimos 15 en xogo na competición ligueira, datos que para un equipo que marchaba como líder invicto nas primeira etapa do campionato e que aspira ao ascenso empezan a xerar certa preocupación en Riazor

Á mala situación do equipo súmaselle o estado físico de Sergio Escudero e de Ximo Navarro. O adestrador, Antonio Hidalgo, dicía antonte en roda de prensa que Escudero xa estaba recuperado fronte ao Atlético, pero que optou por reservalo polo temor a que recaese. E sobre Ximo Navarro declarou que é unha situación delicada, xa que fisicamente xa está recuperado, mais o problema agora "é mental". Hidalgo tamén falou do bo estado do plantel e da alta competitividade interna que fai que todos estean sempre listos para saltar ao céspede. 

O encontro deste sábado, alén de ser crucial para o Dépor, é fronte a un rival directo, o Almería, que vai terceiro na clasificación. Como se adoita dicir, é un partido 'de seis puntos', xa que quen gañe suma tres, pero ademais evita que os sume un dos seus rivais. O perigo dun mal resultado en Almería non só é a posibilidade de caer postos na táboa; tamén que os equipos que están máis arriba se sigan afastando

No Estadio dos Xogos do Mediterráneo vanse enfrontar dous equipos moi verticais e con ataques moi perigosos, o que pode facer do encontro un evento frenético con moitas ocasións para ambos os conxuntos. O equipo andaluz chega tras uns resultados irregulares, con dúas  derrotas, as mesmas vitorias e un empate. No horizonte, os de Hidalgo teñen outro partido moi difícil contra o Racing de Santander, líder da Liga Hypermotion, que visitará Riazor a semana vindeira.