O Dépor faise cun punta, un lateral e un central na recta final do mercado de fichaxes
Postiga -dianteiro, 32 anos-, Sidnei -central, 25 anos- e Juanfran -lateral dereito, 26 anos- son as novas incorporacións do Deportivo. Fechado o prazo para asinar xogadores con contrato en vigor, o Dépor aínda podería fichar a algún "axente libre", isto é, algún futebolista sen equipa.
Frenético encerramento do mercado de fichaxes para o Deportivo, marcado polos constantes ruxe-ruxe de novas incorporacións.
A primeira oficializouna o Deportivo ás 19.38 horas, através da súa páxina web. É Hélder Postiga, dianteiro de 32 anos. Será o compañeiro de Toché na vangarda deportivista. É o típico avanzado portugués: ben dotado tecnicamente, mais sen demasiado gol.
Postiga debutou no Porto con Mourinho como treinador, na temporada 2001-2002. Tivo a súa breve experiencia, nada exitosa, na Premier, co Tottenham, e apartir daí comezou unha azarosa carreira que o levou por Franza (Saint Ettiene), Grecia (Panathinaikos), outra volta Portugal (Sporting), o Estado español (Valencia e Zaragoza) e Italia (Lazio de Roma, o seu clube anterior).
Axente libre
Informa o Deportivo de que a chegada de Postiga ao clube se produce na súa calidade de "axente libre", isto é, neste momento non se achaba ligado a nengún clube.
É un futebolista internacional absoluto con Portugal, embora non tomase parte no campionato do mundo recentemente decorrido no Brasil.
Sidnei e Juanfran
Canda Postiga chegan tamén ao Deportivo Sidnei, un central brasileiro de 25 anos cedido polo Benfica, e Juanfran, un extremo dereito de 26 anos reconvertido en lateral que, procedente do Betis, tamén vén á equipa galega en calidade emprestado para xogar unha temporada.