O Dépor xuvenil desconfía do Betis, un equipo "de picos"
A capital do Bierzo, Ponferrada, acolle desde esta cuarta feira a final four da 30º Copa de Campións de División de Honra xuvenil co Real Club Deportivo da Coruña como firme aspirante ao título. Se o consegue, sería o terceiro na historia para o equipo herculino. O primeiro conseguiuno xusto na segunda edición, en Puertollano, Cidade Real, realizada na tempada 1995-1996 despois de derrotar o Real Madrid por 2-1. O segundo caeu en Marbella, Málaga e tamén na campaña 2020-2021 cando venceu o FC Barcelona por 3-1.
O evento decorre hoxe no Estadio Municipal El Toralín, un campo con capacidade para albergar 8.400 persoas. Esta cuarta feira comezaron as semifinais co encontro entre o Real Madrid e o València CF, sen finalizar ao remate desta edición, e hoxe será a quenda do equipo herculino, que terá que medirse co Real Betis Balompé ás 20 horas.
Na comparecencia previa ao partido, o técnico do xuvenil, Miguel Figueira, analizou o rival e manifestou o seu desexo de que, ante os andaluces, os seus pupilos sexan quen de "non deixarlles ter o dominio do partido" e que "sexamos capaces de quitarlles o balón".
A chave, na concentración
Figueira advertiu de que os branquiazuis terán que estar "moi concentrados en calquera acción individual dos xogadores de mediocampo cara arriba". O adestrador de Mazaricos considera que o rival é "un equipo talentoso, que xera moitas ocasións de gol durante os partidos pero nestes últimos, como ante a UD As Palmas, onde tiveron moitas ocasións e marcaron goles". Por este motivo cre que para sacar o partido adiante hai que "impor a nosa metodoloxía e ser capaces de ter o balón".
O técnico deportivista, para rematar, subliñou que "a diferenza de nós, que somos máis constantes ao longo dos partidos, o Betis é un equipo de picos, que nun día moi bo é moi difícil de frear".