A PREVIA | O Dépor recibe o Castelló no primeiro dos encontros para despedir o ano en Riazor

Germán Parreño, preparándose para o partido ante o Castelló. (Foto: RC Deportivo)
Gilsanz, que non contará con Lucas Pérez, agarda un partido "moi físico".

O Dépor xoga esta cuarta feira o primeiro de dous encontros decisivos para empezar a marcar distancia cos postos de descenso. Até A Coruña desprázase o Castelló (Riazor, 21.15 horas), un rival que agora mesmo é noveno na clasificación, con oito puntos máis que o club herculino. 

Na rolda de prensa desta cuarta feira, previa ao choque, o adestrador branquiazul, Óscar Gilsanz, pediu o apoio da afección “malia a hora” do partido. Entende que,  tras os últimos empates ante o  Sporting e o Zaragoza, "é importante gañar na casa, sobre todo pola xente”. O técnico betanceiro afirma que “a afección merece que fagamos un bo partido", para o que buscarán "unha boa versión do equipo en Riazor”. Consciente dos aspectos a mellorar, o técnico pediu "ser competitivos en calquera contexto" e conseguir ser máis "fiábeis" no terreo de xogo.

"Creo que o equipo debe manexarse en calquera contexto que nos dea a competición, que non nos incomode levar o peso do partido ou que nalgún momento esteamos dominados e teñamos que defender máis perto da nosa portería, porque iso é sinal de competir ben", aclarou.

En relación ao rival de hoxe, Gilsanz salientou que o conxunto que dirixe Jan-Dirk Schreuder é "o máis diferente de todos os de Segunda División". Para explicar esta afirmación lembrou que "é un equipo táctico e físico", polo que agarda un Castelló “ofensivo” que faga que o encontro sexa un "partido de moita ida e volta, de ritmo alto". Diante disto, propón responder a ese ritmo buscando a "identidade" propia do Dépor, e incidindo en que o rival "vai exixir moito no aspecto físico". 

Un dos problemas cos que se atopa o Dépor é a imposibilidade de contar con Lucas Pérez. O dianteiro coruñés ten que cumprir un partido de sanción por acumulación de tarxetas, unha circunstancia arrastrada pola suspensión do partido ante o Tenerife, o que segundo o calendario debía perderse. "Perderemos moitas cousas e tentaremos que non se note", matizou Gilsanz. Neste sentido, non abandona o ánimo positivo e engade que o encargado de suplir a estrela do equipo ante o Castelló "farao perfectamente".

Copa xuvenil

Por outra parte, esta cuarta feira definiuse o cadro de enfrontamentos da Copa do Rei xuvenil masculina, na que Dépor e Celta son os únicos representantes da Galiza.

Os coruñeses enfrontaranse na primeira rolda –que decorrerá os días 11 e 12 de xaneiro– ao Sporting de Xixón, mentres os vigueses fican pendentes do decurso dos sete grupos da División de Honra, pois o seu rival será o mellor quinto clasificado.