O Dépor, moi perto das portas do ascenso: os branquiazuis non lograron a vitoria ante o Málaga CF

Ximo Navarro, Mulattieri, Altimira e Luismi Cruz, este sábado. (Foto: RC Deportivo)

Riazor acolleu este sábado “o mellor partido do ano” con 28.423 deportivistas no estadio.

O Deportivo disputou este sábado un gran partido que acabou cun empate (1-1) ante o Málaga CF. Un partido aos que o branquiazuis se enfrontaron após 7 días frenéticos con igualada en Xixón o sábado 28 de marzo e triunfo en Riazor ante o Córdoba CF esta terza feira.

O adestrador Antonio Hidalgo resumiu o encontro como "o mellor partido do ano especialmente en Riazor”. Ben é certo que este sábado os branquiazuis contaron cun reforzo extra, 28.423 seareiros e seareiras que lle deron ao Deportivo a forza que necesitaba.

Este resultado deixa ao Dépor con 60 puntos na 2ª posición, á espera do que faga a UD Almería (3º con 58 puntos) este domingo no seu estadio ante o CD Leganés.

Respecto ao encontro da pasada terza feira de marzo ante os cordobeses entraron no once Ximo Navarro por Dani Barcia, Villares por Riki, Luismi Cruz por Patiño e o canteirán Bil por Mulattieri.

O primeiro disparo a porta do partido foi de Chupe aos 9 minutos, despois de que o malagueño recollese un despexe da defensa deportivista ao saque de esquina.

"Nalgúns minutos custounos axustar a presión pero a partir dese momento merecemos con fartura a vitoria", admitiu o técnico deportivista. 

O primeiro do Dépor foi para Altimira ao cuarto de hora após unha boa xogada persoal, un disparo que non conseguiu chegar a porta. Altri voltou a ser chave no partido ao igual que xa o fixera na terza feira.

Pouco despois, o colexiado do encontro, Arcediano Monescillo, anulou un gol a Stoichkov por fóra de xogo do dianteiro deportivista. O VAR confirmou a decisión do xuíz de liña.

O final do primeiro tempo foi do Dépor, cun espléndido disparo de volea desde case 40 metros de Quagliata que sacou Herrero nunha gran parada, con outro remate de Altimira que volveu desviar o meta malagueño, e cunha sucesión de saques de esquina con constante perigo.

Após o paso polos vestiarios, de novo tivo Quagliata o gol nas súas botas pero o seu disparo marchouse alto. No 57, de novo Arcediano Monescillo anulou un tanto a Stoichkov, que rematou de tacón á rede, porque o balón pasara a liña de fondo antes de chegar ao dianteiro andaluz.

Antonio Hidalgo tentou dar un pouco de aire fresco en ataque coa entrada de Yeremay e Mulattieri por Stoichkov e Bil.

O dianteiro italiano a punto estivo de marcar practicamente no seu primeiro balón pero o seu disparo ao bordo da área pequena após unha gran deixada de Mario Soriano sácao a defensa andaluza in extremis.

"En primeira liña de presión estivemos moi acertados, con moita esixencia da xente de arriba, empezando con Bil e Stoichkov e logo Yere e Samuele. Foi de moitísimo desgaste. É certo que nos últimos minutos houbo algunha situación que podiamos axustar pero se queres gañar o partido tes que arriscar e os nosos en campo aberto atópanse cómodos", explicou o preparador branquiazul.

Respondeu o Málaga CF cun disparo de Joaquín que, após tocar nun defensor deportivista, estrelouse no pau esquerdo da portería de Ferllo.

Pero chegou o gol do Dépor. Gran pase de Altimira ás costas da defensa andaluza e Mulattieri define no man a man ante Herrero. Corría o minuto 74.

Pero o Málaga CF non tardou nada en lograr o empate, no minuto 80 á saída dun córner que rematou raso Niño entre un bosque de pernas.

O Dépor tratou por todos os medios de marcar o seu segundo con chegadas polas dúas bandas, con Quagliata e Altimira especialmente, pero a defensa andaluza mostrouse firme.