Tres décadas do CB Pontumio: pioneiras no baloncesto feminino

As xogadoras subcampeonas da 2ªdivisión Minibasket nas finas decorridas na primeira fin de semana de xuño na Estrada. (Foto: C. B. Pontumio)
Soa a bucina e dezaoito nenas da equipa mini celebran a vitoria do CB Pontumio —de Pontedeume— na Casqueira.  Nun partido a seis períodos no que, como obriga o regulamento, ningunha pode xogar máis de tres nin menos de dous tempos nos cinco períodos iniciais. Equidade entre iguais.

A historia comezou hai máis de 30 anos cando uns entusiastas do baloncesto fundan o club ao independizarse da A.D. Couceiro Freijomil. Inicialmente nunha canastra no Souto da Vila coas fantásticas vistas da ría e do casco histórico de Pontedeume (comarca do Eume) continúa hoxe ininterrompidamente,  algo extraordinario para un club exclusivamente feminino nunha vila de apenas 7.500 habitantes.

O espírito formativo, a filosofía do afán de superación, da cultura do esforzo, da rivalidade e xustiza na pista, do sentimento de equipa, da amizade, da aprendizaxe para a vida son os lemas inquebrantábeis que guían este club referente do deporte feminino na Galiza. J. Fonte, presidente e fundador do club sinala que "temos o orgullo de converter o C.B. Pontumio nun club recoñecíbel polo noso traballo nas categorías de formación, un prestixio a nivel de Galiza que seguiremos a manter no baloncesto feminino".

Experiencias inesquecíbeis

Centos de mulleres construíron este club, como Lucía Lodeiro. "Das mellores lembranzas da miña vida foi cando decidimos vender caraveis para poder viaxar a Euskadi ao campionato de España infantil en 1994; falar de baloncesto é falar de ledicia e diversión, pero especialmente de amizade", destaca Lucía Lodeiro.

Xogadoras como Sarai Carro do Rosalía de Santiago, Saray  Calvo  e Candela Domínguez, do Universitario Ferrol, Sara Cuíña, do Ensino de Lugo ou María Varela, coinciden en sinalar que"o traballo en equipo, xestionar a presión, comprender a importancia da disciplina, foi unha aprendizaxe espectacular, unido a competir cos mellores clubs da Galiza.

Pola súa parte, Moka Vila, outra das históricas e indispensábel todos os Nadais no tradicional partido 'Lendas do Pontumio',  punto de reencontro de varias xeracións de xogadoras, destaca que "Pontumio é sinónimo de felicidade, unha época imborrábel con xente inesquecíbel".

O traballo de base

Unha escola deportiva que conta con máis de 50 fichas federativas e con algunhas equipas obrigadas a deixar nenas sen federar polo límite máximo por equipo que impón a FGB.  Un traballo de base que implica moitas horas e sacrificios persoais de adestradores e adestradoras e da directiva, roubándolle tempo ao ocio e ás súas familias para dedicarlle até catro tardes á semana ás rapazas e ao baloncesto. Traballo sen remuneración económica antepondo a afección e o ben colectivo, rara avis a punto de extinguirse?

E o traballo da canteira tamén ten o seus éxitos no deporte de elite, Iria Villar, campioa de Liga co Celta, ou Candela Domínguez   xogadoras nas máximas categorías do baloncesto español.  "Ás veces non tiñamos balóns e faciamos entradas imaxinando unha pelota nas mans. Todo o que fun débollo ao Pontumio, e non me refiro só a dentro da cancha", afirma Iria Villar.

O baloncesto tamén debe ser ledicia e diversión. En Pontedeume ten data, a principios de xuño o Torneo de Minibasket Feminino Concello de Pontedeume. Unha festa que acolle xogadoras e clubs de toda Galiza e España (León, Valladolid, Juventud de Badalona...), avalado polo éxito das súas XX edicións anteriores.

Un torneo de exaltación da amizade con partido all-star e concurso de tiro. Un dos organizadores, Rigo, indica que "no deporte de formación tamén é relevante a aprendizaxe para competir sanamente, pero do que me sinto máis satisfeito é dese momento a media xornada onde as xogadoras sentan a comer todas xuntas, compartindo experiencias, arelas e derrotas; o concepto de confraternización está na cerna deste torneo".

Traballar en local para lograr obxectivos globais

Un club, unha sociedade, que deben afrontar un reto de futuro: reverter a dinámica do abandono da práctica do baloncesto das adolescentes, especialmente na faixa de idade máis crítica, dos 12 aos 13 anos. As causas do abandono deste deporte son múltiples, e entre elas están a xestión do tempo, as situacións familiares ou a falta de recoñecementos sociais fronte á visibilidade do deporte masculino.

Unha problemática social que sobrepasa o ámbito dunha equipo feminina. Pontumio Baloncesto traballa para todas aquelas como Daniela, Marina, Naiara, Paula, Sofía, Lúa, Carla... que son o presente do CB Pontumio, pero que son o futuro da nosa sociedade e dos valores do deporte feminino.

Finaliza o corro do equipo mini entre sorrisos e felicitacións, polo subcampionato galego desta tempada,  ao unísono un berro mítico: Un, dous, tres... Pontumio!