"Creo que ningún compañeiro estivo ao seu nivel": Iago Aspas fai autocrítica e apela á remontada en Balaídos
Foi unha noite de desatinos para o Celta de Vigo na Europa League. Por quinta vez na súa historia disputaba uns cuartos de final, desta volta ante o Friburgo alemán, un dos rivais máis fortes da competición.
Sen determinación no ataque nin consistencia en defensa, os de Claudio Giráldez ficaron sen opcións ante un equipo moi sólido en competición europea que esta quinta feira volveu demostrar no seu estadio que aspira a todo. Venceu 3-0, unha renda que complica as opcións do conxunto vigués.
"Non foi un partido cómodo. Non estivemos cómodos durante os 90 minutos, creo que ningún compañeiro estivo ao seu nivel, ningún dos 16", resumiu Iago Aspas ao final do partido. "Toca pasar páxina, pensar agora no próximo partido de liga na casa contra o Oviedo e despois xa teremos tempo a preparar outros 90 minutos porque aínda queda a metade da eliminatoria"
O capitán do Celta chama a non se render e apela ás "armas" do equipo para intentar darlle a volta á eliminatoria. "Nós non nos entregamos, por suposto". A vindeira sexta feira, ás 18.45 horas, os de Claudio Giráldez recibirán o Friburgo en Balaídos coa ilusión dunha remontada malia as malas sensacións do partido disputado en Alemaña. "Estamos molestos, non estamos nada contentos", reafirmou Aspas, quen confía en encarreirar na casa, diante da afección celeste, unha xeira positiva de xogo e resultados para reconciliarse coa competición europea.
Tres goles, tres erros "graves e evitábeis"
"Foi un resultado xusto, foron superiores. Xogaron a unha intensidade e unha velocidade ,áis alta ca nosa", afirmou o adestrador do Celta de Vigo, quen recoñeceu que o seu equipo "entrou mal" no partido desde o inicio. "Creo que deixamos de facer cousas que habitualmente facemos ben, desordenámonos moito e estivemos moi imprecisos coa pelota e moi mal en duelos. Creo que esa foi a diferenza e que hai algo disto nos tres goles. Fomos inferiores. Os tres goles foron erros nosos, graves e moi evitábeis", concluíu Giráldez.
Un milleiro de afeccionados celestes acompañaron o equipo "a 2.000 quilómetros da casa", como salientou Iago Aspas, sabedor de que Balaídos encherase de seareiros nunha semana para tratar de culminar unha remontada moi difícil ante o Friburgo.