A Copa 5x5 Deputación da Coruña conclúe en Camariñas

A final reunirá os vencedores das seis probas previas. (Foto: FGB)
Por outra parte, a portuguesa Sandra Santiago, do Atlético Guardés, anuncia a súa retirada.

Chegou o momento da gran final da Copa 5x5 Deputación da Coruña–Balonmán na Rúa, un "proxecto novidoso", como destacan desde a Federación Galega da modalidade, que achegou o deporte "dunha forma lúdica" a nenos e nenas de todo o país con idades comprendidas entre os 6 e os 11 anos.

Así, esta sexta feira e o sábado baixará o pano na Praza de Abastos de Camariñas (comarca da Terra de Soneira) un certame que poderá seguirse en streaming a través de Youtube e que reunirá na súa derradeira parada os conxuntos vencedores das seis probas clasificatorias previas nas categorías alevín e benxamín, que tiveron lugar en Carballo, Cerceda, Culleredo, Pontedeume, Ribeira e Ferrol.

Unha vez máis, Deputación da Coruña e Federación Galega instalarán un estadio de mini-balonmán ao aire libre, con bancadas desde as que as familias "poidan gozar vendo en acción os e as máis pequenas" por última vez nesta edición, da que o balance "non pode ser máis positivo".

Foron palabras de Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán (FGB), quen puxo en valor o "tremendo impacto" dunha actividade que "conseguiu que o balonmán fose o centro de atención durante tres días en todas as localidades onde estivo, e que moitas nenos e nenas o practicasen por vez primeira", razón pola que confirma que a Copa 5x5 Deputación da Coruña-Balonmán na Rúa "chegou para quedar".


Retirada da portuguesa Sandra Santiago

Sandra Santiago. (Foto At. Guardés)

Quen sabe se co paso dos anos algún deses nenos e nenas que debutou no balonmán no 5x5 Deputación alcanzará a xogar na elite, como leva facendo desde hai case 10 anos a portuguesa Sandra Santiago, unha das estrelas do Atlético Guardés.

O conxunto do sur da Galiza confirmou esta quinta feira que a lateral esquerda portuguesa de só 27 anos colga as botas despois de catro exitosos anos no Guardés.

A súa marcha evidencia que o equipo que presentará no comezo da próxima campaña 2023/24 diferirá sobremaneira do que exhibiu na tempada que vén de finalizar logo da súa prematura eliminación do play-off polo título da Liga Guerreiras, pois ao adeus de Santiago suma a chegada dunha nova adestradora, Cristina Cabeza, presentada a principios desta semana.