O Club de Rugby Arquitectura Técnica xoga contra a violencia machista
O Club de Rugby Arquitectura Técnica (CRAT) da Coruña enfróntase hoxe ás tres da tarde contra o Simón Verde Sport Cocos Sevilla, 'As coco', co obxectivo de promover o deporte galego e visibilizar a violencia de xénero. Esta iniciativa, que decorrerá no estadio universitario de Elviña (A Coruña), está enmarcada na Campaña de Promoción e Sensibilización do Deporte Feminino Galego 2025.
No rugby quince persoas conforman cada equipo que loita por levar o icónico balón ovalado máis alá da liña de meta contraria. O feito de empregárense as mans e os pés e, sobre todo, de primar o contacto físico entre rivais fai que se adoite asociar á violencia. Porén, segundo Mariana Romero, capitá do CRAT A Coruña, "O rugby é, ante todo, respecto". E é que neste deporte, a única persoa que se pode dirixir ao árbitro ou árbitra é a capitá do equipo, o que evita varios conflitos.
No CRAT A Coruña contan con tres capitás: Maica Martí, María Freixoto e Mariana Romero, coa que conversou onte Nós Diario. Romero atópase actualmente lesionada pero, por suposto, acudirá á cita deste sábado.
Preguntada sobre que significa para o club poder visibilizar no campo a loita contra a violencia machista no deporte, Romero afirma que "para nós é moi importante e significa moito poder formar parte desta iniciativa, é unha honra".
"Como xogadora, sempre escoitas algún tipo de comentario, non desde a parte directiva, por suposto, pero na rúa se poden oír moitas cousas", lamenta Romero. "Pero son rapazas xogando ao rugby?" é unha das expresións que a capitá destaca entre as que se escoitan con demasiada frecuencia. "Si, somos rapazas, xogamos ao rugby e podemos xogar a calquera outro deporte e somos moi capaces".
Un partido importante tamén pola clasificación
O equipo, adestrado por Pablo Artime, ten 46 fichas e sitúase na última posición da táboa de clasificación. As súas rivais, o Simón Verde Sport Cocos Sevilla, encóntrase na segunda metade da táboa. Este é polo tanto un partido decisivo para o equipo coruñés, xa que eses puntos aos que pode optar son relevantes para subir de posición na clasificación.
"Desde o club invitamos a todas as persoas a asistir ao partido para animar, o rugby é un deporte moi interesante, tanto para consumilo como para xogalo", afirma Marina Romero. "Estamos moi unidas como equipo porque neste deporte todas predicamos os mesmos valores, dámonos piñas dentro do campo mais fóra invitámonos a unha cervexa".
O papel da educación no deporte
"Creo que a educación é necesaria tanto dentro como fóra do ámbito deportivo, porque aínda que agora mesmo se lle está a dar bastante visibilidade ao deporte feminino, aínda queda moito por facer", aprecia Mariana Romero. "É importante o respecto, porque con iso pódese chegar a calquera sitio, e ese é o valor fundamental do rugby e do noso club, respecto fóra e dentro do campo independentemente das opinións de cadaquén sobre calquera tema, hai que saber respectar os demais"
A fenda de xénero no deporte
O CRAT da Coruña lembra que hoxe será unha xornada para "placar contra a violencia de xénero". Na presentación da iniciativa, que se lanzou na cuarta feira na Coruña, destacouse que o deporte galego é hoxe un espazo de igualdade en constante crecemento, no que as mulleres ocupan cada vez máis protagonismo e inspiran as novas xeracións. Mais, "a pesar dos avances aínda existen diferenzas notábeis tanto en visibilidade mediática como en igualdade laboral e salarial, polo que debemos seguir traballando para revertelas", dixo Belén do Campo, en representación da Xunta da Galiza.
No ano pasado rexistráronse 468 mulleres con licenza federada no rugby galego na Galiza, mentres que as de homes estaban en 1.477 segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE). A nivel xeral no ámbito deportivo foron 224.464 licenzas para homes e 74.564 para mulleres, polo que aínda queda moito por facer.